Ás voltas coa causa do Villa de Pintanxo: o xulgado de Marín tampouco se ve competente e devólvea á Audiencia Nacional

Marín
22 de abril 2022

A xuíza de Marín argumenta que os supostos delitos que se investigan ocorreron en augas internacionais e que, no caso de que a Audiencia Nacional non se considere competente, tampouco o sería Marín, senón Cangas, por ser o porto basee do buque Praia de  Menduiña II, buque que rescatou a balsa cos falecidos e sobreviventes do naufraxio; e tamén o lugar de residencia do patrón 

Edificio xudicial de Marín
Edificio xudicial de Marín / Mónica Patxot

A causa aberta para investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova segue a voltas en distintos xulgados e non atopa asento. Despois de que a Audiencia Nacional decidise que non era da súa competencia e remitíseo ao Xulgado de Marín, agora a xuíza de Marín á que lle tocaría o caso rexeita que sexa da súa competencia. 

Así, a xuíza Noemí González Camba, titular do Xulgado de Instrución número 2 de Marín, acaba de emitir un auto polo que non acepta a inhibición acordada o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional e acorda devolver a causa ao xulgado orixinal.

Esta decisión da xuíza marinense ten opción de recurso. De feito, tanto a Fiscalía como as partes acudidas na causa poden recorrer ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. 

A xuíza entende que o partido xudicial de Marín "non é o órgano territorialmente competente para coñecer da instrución" do procedemento porque os supostos delitos que se investigan foron cometidos en augas internacionais, en Terranova (Canadá). Este argumento choca co esgrimido pola Audiencia Nacional, que argumenta que os feitos que se investigan nesta causa ocorreron nun buque español, de modo que debe equipararse ao territorio nacional, e atribúe a competencia a Marín por ser o porto base do Villa de Pitanxo. 

O auto emitido este venres tamén sinala que, no caso de que a Audiencia Nacional non se considere competente, tampouco o sería Marín, senón Cangas, por ser o porto basee do buque Playa de Menduiña II, primeiro buque que rescatou aos falecidos e sobreviventes do naufraxio; e tamén por ser o lugar de residencia da persoa á que a Garda Civil e a Fiscalía apuntan como sospeitosa dos feitos que se están investigando, o patrón, Juan Padín. 

Así, mantén que o partido xudicial de Marín tampouco "se acha en situación de preferencia" para asumir a instrución fronte a outros xulgados, pois os criterios de atribución establecidos na Lei de Axuizamento Criminal indican que, naqueles supostos nos que non conste o lugar onde se cometeu o delito, terase en conta, en primeiro lugar, o termo municipal, partido ou circunscrición en que se descubriron probas materiais do delito

En Marín, "non consta que se descubriron probas materiais do delito", pero si podería ser Cangas porque o atestado da Garda Civil fai referencia ao buque Playa Menduíña II, que acudiu ao rescate, recuperou unha das balsas do Villa de Pitanxo -na que ían os tres sobreviventes e catro cadáveres-. Esta balsa é "un elemento que, no seu caso, poderá ser obxecto de análise en orde a pescudar as causas do sinistro". Ese buque ten o seu porto base en Cangas e, ademais, ese foi o porto ao que chegou a España cando acabou a marea, de modo que sería "o lugar de recepción de tales efectos do delito".

A xuíza engade que o órgano competente para a instrución dun procedemento penal por delito cometido a bordo dun buque español en augas internacionais debe ser "o correspondente ao primeiro porto español de arribada" e que non consta a recepción en Marín de elementos procedentes do buque naufragado. 

O auto tamén fai referencia a que a Lei de Axuizamento Criminal utiliza como criterio para a atribución das competencias o termo municipal, partido ou circunscrición en que o presunto reo fose aprehendido ou o da residencia do reo presunto. Dado que a Fiscalía asegura que hai elementos indiciarios para investigar ao patrón e que a súa residencia está en Cangas, sería neste partido xudicial.

Por se eses argumentos non convencesen á Audiencia Nacional, a xuíza tamén lembra que a Lei de Axuizamento Criminal di que sería competencia de calquera lugar que tivese noticia do delito e o Xulgado de Instrución número 2 de Marín "non tivo formal coñecemento do delito", senón que a Audiencia Nacional foi "a primeira en recibir a notitia criminis", pois no devandito lugar foi presentado o atestado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra que detectou un posible delito "por estimar ao devandito órgano competente para coñecer da investigación da causa, ao suceder os feitos en augas internacionais". 

Á hora de argumentar a súa falta de competencia, a xuíza cita un fallo do Tribunal Supremo do ano 2001 no que resolveu unha cuestión de competencia exposta entre xulgados de instrución de Noia e Torrelavega por delitos supostamente ocorridos nun buque español afundido en augas internacionais e concluíu que eran competencia da Audiencia Nacional.