Unha praza de case 4.000 metros cadrados en Rosalía de Castro, fronte ao colexio, e un local de 340 metros cadrados na esquina de Xeneral Rubín con Fernández Ladreda que se destinará como espazo social para a Asociación de Veciños de Campolongo. Estes espazos serán os froitos que obterán o Concello de Pontevedra con motivo dun convenio que asinará co Ministerio de Defensa a través do Invied (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa). O convenio permitirá construír cincuenta vivendas e abrir este espazo ata agora de uso militar que conta cun peche para aparcadoiro dos residentes na zona como un vial para uso público.
O concelleiro Antón Louro acudiu ata a zona acompañado por técnicos municipais e por representantes do Invied visitou o baixo constituído por dúas vivendas e a antiga sede do Invifas, que se unirán para consformar o futuro local social. O edil de Urbanismo sinalou que "vaise construír un edificio de 50 vivendas que estará asociado a unha medianeira que se quere tapar e a edificabilidade dáse en altura para liberar espazos para esa gran praza onde catro ou seis chalés van deixar de existir, pero vai existir un edificio que cubra ese espazo.
O Concello promove unha modificación puntual do plan e permite que os espazos interiores se urbanicen". O 90% das vivendas desta zona encóntranse ocupadas, a maioría delas con familiares de militares, e agora algunhas das que se encontran desocupadas sairán a concurso libre, indicou o concelleiro que sinalou que "se vai normalizar con este convenio o espazo para integralo na malla urbana".
En relación cos prazos, Louro indicou que a concreción do convenio está madura e que agarda que nunhas semanas se asine. A partir dese momento "haberá que poñer en marcha unha modificación xeral do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Non sei en canto estará pero será con premura", apuntou o concelleiro.