As vivendas de uso turístico alcanzaron unha ocupación en xullo do 68%

Pontevedra
06 de agosto 2020

Os datos manexados pola asociación que representa aos propietarios deste tipo de aloxamentos, Aviturga, reflicten con todo unha porcentaxe moi desigual en función dos destinos. Así, mentres houbo zonas da Comunidade autónoma que rozaron o 80%, a ocupación nas grandes urbes, como Pontevedra, resentiuse de forma evidente

Vivenda rural
Vivenda rural / Juan Mejuto

As vivendas de uso turístico rexistraron un índice de ocupación do 68% en Galicia durante o pasado mes de xullo. Os datos manexados pola asociación que representa aos propietarios deste tipo de aloxamentos, Aviturga, reflicten con todo unha porcentaxe moi desigual en función dos destinos. Así, mentres houbo zonas da Comunidade autónoma que rozaron o 80%, a ocupación nas grandes urbes, como Pontevedra, A Coruña ou Vigo, resentiuse de forma evidente.

O índice de ocupación en xullo rexistrou un retroceso de 3 puntos con respecto a xullo de 2019, mes no que as vivendas superaron o 71%. Aviturga vincula este descenso co escaso movemento rexistrado durante a primeira quincena do mes, moi próxima ao comezo da desescalada e un momento no que a incerteza desincentivó os traslados por lecer ou descanso.

Mención especial merece para Aviturga a situación de Sanxenxo, municipio que concentra 1.800 das máis de 11.000 vivendas de uso turístico rexistradas en Galicia. Desde Aviturga destacan que o destino foi capaz de reter aos seus incondicionais e de atraer a novos visitantes, aínda que desde a asociación matizan que este pasado mes foron zonas do litoral sanxenxino as que espertaron máis interese nos viaxeiros.

"En xeral as vivendas unifamiliares, sobre todo se poñen ao dispor dos hóspedes piscina ou outras prestacións de lecer sen necesidade de saír da propiedade, as primeiras que se reservan. Esta tendencia é común en toda Galicia e dentro desta preferencia comprobamos como as zonas rurais, tanto de municipios tradicionalmente visitados como de destinos emerxentes, están a se facer un oco no mercado", explica Dulcinea Aguín.

Neste sentido a presidenta de Aviturga ofrece outro dato: A estancia media dos viaxeiros en destinos turísticos tradicionais non superou os 3 días, mentres que os que optaron por vivendas illadas prolongaron a súa estancia no aloxamento a 7 días de media.

Dulcinea Aguín insiste en que Galicia debe aproveitar esta oportunidade e adiantarse ás demandas dos viaxeiros. "Os nosos asociados tiveron ocasión de comprobar este mes como os seus hóspedes demándanlles información da contorna. Incluso os que optaron por destinos de costa buscando gozar da praia, este ano complementaron ese recurso turístico cun afán por descubrir novos roteiros e novos recursos".

En canto á procedencia do hóspede de vivenda de uso turístico durante o mes de xullo Asturias, País Vasco e Castela León son as comunidades desde as que chegaron a maioría, xunto a un importante movemento interprovincial en Galicia. En boa parte dos casos, tratouse da primeira viaxe á nosa Comunidade, á que acudiron atraídos por unha imaxe de escasa masificación, de seguridade e de diversidade turística.

E aínda que a tendencia xa viña consolidando nos últimos anos, este mes de xullo caracterizouse sobre todo pola reserva de última hora. "Tanto hóspede como propietario viven esta insólita tempada de verán moi pendentes da evolución da Covid-19, que provoca constantes cancelacións e reservas de última hora incrementando a incerteza xeral".

Algo coincidente co pasado verán é o perfil do usuario das vivendas para aloxamento vacacional. Trátase de familias integradas por entre 2 e 4 membros e procedentes sobre todo do territorio nacional. Persoas que buscan un descanso baseado na tranquilidade e que valoran especialmente o prezo e a comodidade que lle ofrece unha vivenda de uso turístico fronte a un establecemento hostaleiro.

A presidenta de Aviturga destaca por tanto a importancia de coidar os aloxamentos e ofrecer unha boa relación calidade-prezo, factores nos que a asociación leva tempo traballando, así como na comercialización das vivendas de particulares a través da central de reservas, Vitgal.es.