"Ás vítimas dos bebés roubados negóuselle a protección. Fíxose caso omiso a estes crimes"

Pontevedra
10 de abril 2022

A durísima realidade dos bebés roubados e a desprotección que sufriron todas as vítimas foi obxecto de análise nas xornadas Individuas de dudosa moral, celebradas en Pontevedra co impulso do departamento de memoria histórica da Deputación

Soledad Luque e a avogada Mayte Parejo
Soledad Luque e a avogada Mayte Parejo / Deputación de Pontevedra

A durísima realidade dos bebés roubados e a desprotección que sufriron todas as vítimas foi obxecto de análise nas xornadas Individuas de dudosa moral, celebradas en Pontevedra co impulso do departamento de memoria histórica da Deputación.

Foi coa intervención da presidenta da asociación Todos los niños robados son también mis niños, Soledad Luque, e a avogada Mayte Parejo, que abordaron esta cuestión como un crime de xénero e aclarando que "non foi unicamente un negocio como se di en moitas ocasións".

Ambas destacaron que produciuse por motivos políticos, ideolóxicos, morais, relixiosos, sociais ou de clase, económicos e de xénero e tivo lugar en cárceres, clínicas e maternidades, centros de internamento e en calquera outro establecemento onde as mulleres parisen. 

Estes crimes, segundo Luque, foron "perpetrados" coa participación activa do Estado, que aprobou decretos e leis para a súa legalización, para despois ir adoptando unha posición pasiva, "con actuacións que implicaban consentimento, apoio, aquiescencia e ocultación".

Así, permitiuse a continuidade desta práctica "ata ben entrada a democracia" a través de entidades e persoas que formaban parte das institucións do Estado "directamente herdeiras do réxime anterior": sanitarias, relixiosas, e persoal funcionario de toda índole. 

"En todo momento negouse a debida protección ás vítimas facendo caso omiso dos crimes, o cal se reflicte nas escasísimas investigacións destes casos ou, cando as houbo, no seu arquivo masivo", esta activista, que destacou "pasos positivos" na loita contra a impunidade.

Entre eles, citou os informes internacionais de Nacións Unidas que instan ao Estado Español a que aprobe a lei sobre bebés roubados sen demora, que inclúa unha referencia explícita do delito de desaparición forzada no Código Penal e estableza penas específicas.

A TESTEMUÑA DA IRMÁ DUN BEBÉ ROUBADO

Nestas xornadas participou tamén Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado en Vigo o 3 de marzo do 1966, no Hospital Xeral de Vigo, que narrou a vivencia da súa familia.

"Chegamos de Suíza a Vigo e miña nai quedou embarazada dun bebé moi desexado. Ata mercamos puros para celebrar o nacemento do macho, como se dicía entón", explicou ante o público. Foi un parto normal ata que os médicos lles dixeron que o bebé morrera 

A súa nai, asegurou Rodríguez, "non entendía o que pasara porque dicía que ela vira o bebé vivo, loiro e de rizos como era meu pai de neno e non lle cabía na cabeza que o que parira estivese morto". Pero a supervisora do hospital, unha monxa, quitoulles esa idea da cabeza.

Entregoulles unha caixa pequena, case de zapatos, da que o pai nunca creu que fora suficientemente grande para o cadáver dun bebé de nove meses, "con algo dentro envolto en gasas e papeis de periódico", relatou a irmá do bebé roubado.

A sensación de que as cousas non foran así estivo sempre presente dende entón na familia, pero as pezas encaixaron de todo en 2013 cando, na presentación dun libro, Marga escoitou como un home "repetiu a mesma historia que lle acontecera á miña familia".

"Alí estaba presente tamén unha auxiliar que traballara no hospital e díxonos que non sabiamos da misa a media", apuntou. A partir de aí, as persoas afectadas organizáronse e comezaron a investigar os casos, pero polo de agora non logrou dar co seu irmán.

A día de hoxe, Marga ten feito probas de ADN en varios laboratorios españois e americanos e cotexado a súa xenética con bases de datos internacionais de xente que busca ás súas familias.