As vítimas do Alvia, satisfeitas cunha sentenza que "desmonta a verdade oficial" que só acusaba o maquinista

Pontevedra
26 de xullo 2024

"A loita serve. A loita segue". A valoración realízaa a Plataforma Vítimas Alvia 04155, que considera que, neste accidente, influíron "a cobiza, as présas, a covardía, mentiras e neglixencias de moita xente e institucións moi poderosas". ADIF xa anuncia a súa "intención" de recorrer

Protesta das vitimas do Alvia pola entrega da Medalla de Ouro de Galicia
Protesta das vitimas do Alvia pola entrega da Medalla de Ouro de Galicia / Mónica Patxot

"A loita serve. A loita segue". A valoración realízaa a Plataforma Vítimas Alvia 04155, a maioritaria entre os afectados do accidente do Alvia do 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela. Tras coñecerse este venres a sentenza que condena ao maquinista e ao ex director de Seguridade na Circulación de ADIF, ven reflectida a súa versión do sinistro e que once anos de loita deu os seus froitos. 

Recoñecen que esta sentenza chega "demasiado tarde", pero aplauden que "demostra xuridicamente" o que eles defenderon desde o principio, que esta foi unha "traxedia evitable" que provocou 79 mortos e 143 feridos. Eles elevan a cifra a 80 mortos e 144 feridos, pero a xuíza do caso redúcea.

Para as vítimas, neste accidente, influíron "a cobiza, as présas, a covardía, mentiras e neglixencias de moita xente e institucións moi poderosas". Pero a súa "loita incansable", na que tiveron o apoio do BNG para levar o caso ante as institucións europeas, deu os seus froitos e "quedou desmontada a verdade oficial que quixeron impoñer".

Esa "verdade oficial" apuntaba a que se fixo unha investigación independente sobre o accidente, a pesar de que Europa dixo que non, que non era un accidente de Alta Velocidade e que o maquinista era o único responsable. Agora, desmontouse. 

Esta sentenza dálles a vitoria no que definen como "unha nova versión de David contra Goliath". A súa plataforma conseguiu "sen recursos nin medios" enfrontarse e "derrotar a toda a maquinaria de poder" que formaron, segundo denuncian, os gobernos de PP e PSOE, a Fiscalía, a Avogacía do Estado, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e a Xunta de Galicia.

Agora que a sentenza comparte responsabilidades entre Francisco José Garzón Amo, maquinista que o 24 de xullo de 2013 conducía o tren Alvia sinistrado, e Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento da posta en funcionamento da liña do sinistro, esixen "que se retracten e pidan perdón".

Dirixen esta petición ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "en nome do Estado que, dirixido polos sucesivos gobernos, puxo a súa maquinaria para traballar para ocultar a verdade e eludir responsabilidades e  para culpar ao último elo da cadea, o maquinista"; e tamén ao actual partido da oposición, o PP, e en concreto a Alberto Núñez Feijóo que, como presidente da Xunta, "foi dos primeiros en dicir que culpar ao maquinista é o sentir maioritario da sociedade".

Tamén piden que se desculpen a Fiscalía; a Avogacía do Estado; e os sucesivos ministros de Fomento, encabezados por José Blanco, que modificou o proxecto "rebaixando a seguridade" e inaugurou a liña "mentindo sobre as medidas de seguridade", e por Ana Pastor, que "presionou e ameazou á UE para que non saíse  á luz o demoledor informe  da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea que desmontaba a verdade oficial e que obstaculizou a instrución xudicial".

RECURSO DE ADIF

Mentres as vítimas mostran a súa satisfacción, ADIF xa anuncia a súa "intención" de recorrer.

Fontes oficiais lamentan que a sentenza non foi notificada formalmente á compañía e avanzan que unha vez recibida, analizaranse os fundamentos xurídicos e o fallo para recorrer ante a Audiencia Provincial da Coruña.