As vendas dos viños de Rías Baixas creceron no último ano

O Salnés
30 de xaneiro 2018

O Consello Regulador cualificou 24.856.016 litros de viño nun exercicio marcado pola tendencia desestacionalizadora no consumo e por contar xa con 103 adegas en plans de exportación

Botellas de albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas
Botellas de albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas / Juan Mejuto

A denominación de orixe Rías Baixas rexistrou un incremento dun 9,31% de viño cualificado en 2017 con respecto ao exercicio anterior, o que se traduce en 24.856.016 litros e en 33.141.354 contraetiquetas.

Este crecemento permitirá ao consello regulador afrontar o futuro con garantías e manter a liña de traballo que tan bos resultados está a reportar. Para iso, contará cuns orzamentos que crecen un 11,66% respecto de 2017, alcanzando os 4.021.900 euros neste exercicio.

Así o indicou o presidente do consello regulador, Juan Gil de Araujo, tras a última sesión plenaria de 2017. Co fin de seguir afianzando a súa posición nos mercados, o pleno do consello regulador acordou destinar o 70,01% dese orzamento a promoción, márketing e comunicación, o 20,27% a control de calidade e departamento técnico, e o 9,72% restante a gastos de funcionamento.

Xunto co incremento do volume de viño comercializado, é de destacar a clara tendencia á desestacionalización das vendas ao longo do ano, "Probablemente influísen neste feito as vendas nos mercados exteriores, xunto co cambio dos hábitos de consumo no ámbito nacional", explica Juan Gil de Araujo.

DAR RESPOSTA AOS MERCADOS

O 2018 presenta boas perspectivas para a D.O. Rías Baixas, que contará cunha colleita abundante e de boa calidade. Isto permitiralle seguir crecendo dunha forma racional e cumprir coa demanda do mercado.

Todo iso é froito do labor conxunto dun sector dinámico e cohesionado. Ademais, "os logros alcanzados non serían posibles sen o apoio das administracións públicas: Xunta de Galicia, IGAPE e ICEX. A súa colaboración foi fundamental para o desenvolvemento desta denominación de orixe. E confiamos en que nola sigan prestando no futuro", agradece o presidente do consello.

INTERNACIONAL

Tamén os mercados exteriores están a reportar moitas alegrías ás adegas da denominación de orixe Rías Baixas. A noticia máis relevante para este consello regulador é que crece o número de adegas que xa venden ao exterior, concretamente 103 das 184 inscritas na actualidade, o que se traduce en máis do 56% das empresas inscritas. O volume de viño exportado na campaña 2016/17 foi de 6.141.167 litros, cun incremento en valor económico do 7,17%.