As universidades galegas acordan non retomar as clases presenciais este curso

Pontevedra
06 de abril 2020

Así o pactaron coa Consellería de Educación tras a prolongación do estado de alarma. Pola súa banda a segunda convocatoria da Selectividade atrásase ata o 15, 16 e 17 de setembro

Inicio do curso no campus de Pontevedra
Inicio do curso no campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

Non haberá máis clases universitarias presenciais no presente curso 19/20. Así o pactaron os reitores das tres universidades galegas e así se consesuou coa Consellería de Educación nunha reunión celebrada este luns de maneira telemática.

Esta decisión tómase tras confirmar o Goberno a prolongación do estado de alarma pola crise sanitaria ata o 26 de abril, tendo en conta que aínda podería alongarse máis no tempo.

A formación universitaria si continuará, pero farao de maneira virtual mantendo o calendario académico preestablecido.

No encontro a conselleira de Educación, Carmen Pomar, confirmou ademais as datas da convocatoria extraordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro tras solicitar a ampliación de datas.

Fíxase así a segunda convocatoria dunha Selectividade que, se o coronavirus o permite, terá as súas datas iniciais do 7 ao 9 de xullo.

Ademais da conselleira Carmen Pomar, do secretario  xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e do director da ACSUG, Eduardo López, participaron na reunión telemática os reitores Manuel Reigosa (Vigo), Antonio López (Santiago) e Julio Abalde (A Coruña).