As traballadoras pontevedresas do mar chegan a TikTok

Pontevedra
13 de setembro 2021

O programa municipal A memoria das mulleres continúa a súa andaina nunha das redes sociais de moda entre a mocidade, TikTok. Desta volta da man de María Rúa que recupera a extensa relación das mulleres de Pontevedra cos traballos do mar

María Rúa, caracterizada como unha muller do mar
María Rúa, caracterizada como unha muller do mar

O programa municipal A memoria das mulleres continúa a súa andaina nunha das redes sociais de moda entre a mocidade, TikTok. Desta volta da man de María Rúa que recupera a extensa relación das mulleres de Pontevedra cos traballos do mar.

Con banda sonora a golpe de rap, o vídeo serve de espello da realidade histórica do sector.

Así, cita exemplos de diversas mulleres que atoparon no mar o seu sustento e o seu modelo de vida, como Josefa García Barcia, vendedora de peixe, ou todas as redeiras, atadeiras e chaboleiras que aínda hoxe continúan exercendo o seu labor nas rías e portos galegos.

A peza audiovisual queda enmarcada na filosofía base de A memoria das mulleres, que non é outra que a difusión da loita antifascista e da traxectoria das mulleres galegas entre o público máis novo, utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade pontevedresa actual.

O proxecto da Concellería de Memoria Histórica xa difundiu un total de sete vídeos deste tipo, onde as tiktokers galegas Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa poñen voz e imaxe a situacións de índole histórica ou social.