As traballadoras de Alfageme non se fían do Igape e retoman as mobilizacións

O Salnés
03 de novembro 2012

Nunha asemblea celebrada en Ribadumia, as traballadoras desta conserveira decidiron manifestarse polas rúas de Vilagarcía. Será o luns ás 11:30 horas, aínda que non quixeron concretar que tipo de protesta van protagonizar

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) prevé abrir este luns as ofertas presentadas por El Consorcio, Pescamar e Coswinga para adxudicarse as fábricas que Alfageme ten en Ribadumia e Vilaxóan (Vilagarcía de Arousa). Pero as traballadoras non se fian. "Nos están tomando o pelo", asegura a secretaria de Alimentación da CIG, Rosa Abuín. Por iso é polo que ao mesmo tempo que esperan unha decisión, anuncian novas mobilizacións.

Nunha asemblea celebrada en Ribadumia, as traballadoras desta conserveira decidiron manifestarse polas rúas de Vilagarcía. Será o luns ás 11:30 horas, aínda que non quixeron concretar que tipo de protesta van protagonizar. Con este acto pretenden seguir defendendo os 150 postos de traballo directos que dependen da adxudicación de Alfageme a unha destas tres ofertas.

"Seguro que o Igape non vai resolver o problema, senón que quere lavar un pouco a cara dicindo que vai abrir as plicas, pero non hai ningún compromiso que diga que van adxudicar", explicou Rosa Abuín. Di estar convencida de que os prazos dados pola administración concursal van seguir o seu curso, "porque o que está claro é que a Xunta quere que vaia a poxa".

A administración concursal, que inicialmente tiña previsto solicitar o pasado venres a poxa por lotes da conserveira no xulgado, apuntou a posibilidade de esperar ata o vindeiro luns 5 de outubro, co obxectivo de que desde a Xunta lles trasladasn cal era a oferta seleccionada.

Arquivado en