Este luns 18 de maio será unha xornada na que as temperaturas irán descendendo e na que as altas presións tenderán a afastarse da Comunidade galega, polo que ao final do día se notará a influencia dunha borrasca que se localiza ao norte das illas Británicas. Con esta situación meteorolóxica o ceo presentou pola mañá nubes altas. A partir de media tarde unha fronte chegará dende o norte polo que, dende a previsión de MeteoGalicia, se esperan ceos máis anubrados. As temperaturas non sufrirán grandes cambios situándose en 14 graos de mínima e 26 graos de máxima. Os ventos estarán a soprar de compoñente norte de forma moderada no litoral, con intervalos fortes pola tarde e durante a noite no sur de Pontevedra.
Despois do paso dunha fronte pouco activa na madrugada e primeiras horas da mañá do martes, Galicia quedará o resto da xornada nunha área entre altas e baixas presións. Deste xeito nas primeiras horas os ceos estarán parcialmente anubrados e durante a tarde os ceos pasarán a estar pouco anubrados ou despexados. As temperaturas seguirán descendendo durante a xornada, de forma máis acusada nas máximas que pasarán a ser de 20 graos. O vento que soprará de compoñente norte con intervalos moderados a partir do mediodía e refachos fortes na zona sur das Rías Baixas, o que aumentará a sensación de frío.
A situación meteorolóxica do mércores quedará marcada pola entrada de aire frío e húmido dende o Atlántico norte. Esta situación deixará ceos anubrados que, polo xeral, tenderán a diminuír pola tarde. As temperaturas continuarán descendendo polo que a sensación térmica seguirá sendo de frío para esta época do ano. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con intervalos moderados no litoral atlántico a partir de mediodía.
Durante a xornada do xoves unha área de altas presións dos Azores entrará en Galicia en forma de cuña achegando estabilidade e achegando aire algo máis cálido que o das xornadas anteriores. Esta nova situación meteorolóxica provocará que os ceos estean poucos anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas non terán cambios con lixeiros descensos puntuais, mentres que as máximas comezarán a ascender ata os 23 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte con intervalos moderados no litoral das Rías Baixas.
Para o venres e a fin de semana en xeral espérase que as temperaturas sigan ascendendo, tanto nas mínimas coma nas máximas, que alcanzarán os 26 graos o domingo segundo MeteoGalicia. Esta situación será debida a que a área de altas presións localizada en Azores seguirá mantendo a súa influencia en Galicia. Polo que se espera un fin de semana de ceos despexados e temperaturas que superarán os 25 graos.