Continuará a calor ao longo destes primeiros días de agosto nas Rías Baixas debido á permanencia da influencia anticiclónica. O ceo para este luns 1 manterase despexado con temperaturas que oscilarán entre os 19 e os 35 graos. O vento seguirá soprando do nordés. No interior existe a posibilidade de que se produza algún chuvasco en zonas de montaña, segundo indica o servizo de Meteogalicia.
Durante o martes 2 aumentará a inestabilidade atmosférica debido á entrada de aire frío en altura e ás altas temperaturas que se manterán en superficie. Existe a posibilidade de chuvascos tormentosos en zonas altas do interior de Galicia. As temperaturas nas Rías Baixas moveranse entre os 20 e os 31 graos, con vento que soprará frouxo do norte.
Ao longo do mércores espérase que as altas presións rse retiren cara ao oeste permitindo un leve desprazamento cara ao leste da masa de aire cálido. Espérase unha mañá de ceos despexados na provincia de Pontevedra. Durante a tarde aumentará a presenza de nubes de evolución, pero a posibilidade de chuvascos tormentosos afectarán só as provincias de Ourense e o sur de Lugo. Os termómetros continuarán no litoral pontevedrés entre os 17 e os 32 graos con vento frouxo de compoñente norte.
A situación manterase nesta mesma liña, con temperaturas máximas de 29 a 30 graos durante o xoves. Para o venres está prevista a presenza dun novo centro de altas presións, que se situará ao norte da Península. Estas altas presións ofrecerán tempo seco e tendencia, de novo, ascendente nas temperaturas.