As temperaturas irán baixando a medida que se achegue a fin de semana

Pontevedra
22 de agosto 2017

Este martes 22 Galicia queda nunha zona de transición entre o anticiclón situado en Centroeuropa e as baixas presións centradas ao oeste de Irlanda, con temperaturas máis suaves que as dos últimos días

Praia canina do Espiño, no Grove
Praia canina do Espiño, no Grove

As temperaturas comezarán a baixar ao longo desta semana. Este mesmo martes 22, Galicia queda nunha zona de transición entre o anticiclón situado en Centroeuropay as baixas presións centradas ao oeste de Irlanda. Iso permitirá un régime de ventos do oeste que suavizará as temperaturas e achegará humidade na franxa atlántica, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.

Espérase ceo pouco nubrado ou despexado aínda que con presenza de néboas nas Rías Baixas, sobre todo, a primeiras e últimas horas do día. As temperaturas situaranse entre os 18 e os 27 graos. A auga do mar estará entre os 15 e os 17 graos.

O mércores 23, as Rías Baixas permanecerán entre as baixas presións situadas en Gran Bretaña e o anticiclón das Azores no Atlántico, con ventos do norte. O ceo manterase pouco nubrado ou despexado en xeral. As temperaturas mínimas descenderán mentres que as máximas manteranse sen cambios significativos, situándose entre os 15 e os 29 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, con intervalos de moderado nas Rías Baixas.

O xoves 24, a situación non cambiará. As temperaturas mínimas seguirán sen cambios, mentres que as máximas descenderán. O vento continuará soprando de compoñente norte, moderado nas Rías Baixas.

A partir do venres 25, as temperaturas descenderán progresivamente, quedando en valores moi suaves en xeral, situándose entre os 14 e os 25 graos. O vento seguirá soprando de norte, pero deixando nebulosidades.