O pasado febreiro de 2021 a electricidade xa rexistraba unha alza na súa factura. Foi a primeira dunha escalada que ata a data conseguiu o selo de histórica. As economías domésticas reséntense e hai quen, con ou sen precisión numérica, buscan aforrar uns euros.
Ese pretendido aforro parece ser a causa do incremento de usuarios nos autoservizos de lavandería que no caso de Pontevedra, roldan actualmente os quince establecementos. María Montero é propietaria do autoservizo situado na rúa Javier Puig, pertencente ao franquiado pontevedrés Oso Blanco, con establecementos por toda Galicia.
A pesar de que os meses máis favorables están entre outubro e febreiro, "en xuño empecei a notar que a facturación subía e esa tendencia mantense durante o mes de agosto" explica e tras analizar as razóns desta tendencia, conclúe que a subida da factura da luz favoreceu o incremento de clientes: "alarmáronse coa subida e lanzáronse a este servizo". Unha tesitura que insufla optimismo porque "vimos dun 2020 fatídico causado pola pandemia cunha baixada da facturación do 60%".
A favor do seu negocio sinala que facer a coada nestes autoservizos "si compensa tal e como está o prezo do quilowatio, custo de auga, deterxente, suavizante.. e o tempo que se require que tamén é menor". Certo é tamén que cada cal ha de sacar calculadora e facer números contando co seu electrodoméstico e a eficiencia enerxética que teña, o tipo de tarifa contratada, ou a roupa que acumule. "A xente non sabe con precisión o que custa en casa lavar a roupa" di María Montero.
Neste caso as cifras que achega son entre catro e seis euros, dependendo se se empregan lavadoras de nove a 18 quilos, ao que se engaden outros tres euros por utilizar as secadoras con capacidade para 17 quilos e nun tempo total de 50 minutos.
Loxicamente estes negocios tamén consomen luz. No caso do seu franquiado "traballamos cunha cooperativa enerxética galega. Coñezo compañeiros do sector que están a comentar o tema da subida das súas facturas e por tanto dos seus prezos, nalgunhas cidades cónstame que subiron, no meu caso, polo momento sígoas mantendo igual".