O Goberno reaccionou á sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga de ENCE para ocupar terreos de dominio público en Lourizán asegurando que "as sentenzas deben cumprirse".
Así o recoñeceron fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica apelando a que se inicie un "diálogo construtivo" entre todas as partes implicadas.
Segundo o Goberno do Estado, á espera de que se presenten posibles recursos, a sentenza da Audiencia Nacional deixa claro que a empresa "non necesita seguir en Dominio Público Marítimo Terrestre para o seu funcionamento normal", engadindo que "esa localización é completamente anómala e contraria á lexislación vixente" sen que exista outra fábrica de celulosa en España ocupando terreos públicos.
Por todo iso desde o Ministerio cren que pensar nunha nova prórroga non ten sentido, como "non o tiña a que concedeu en xaneiro de 2016 o goberno do señor Rajoy", indican.
En canto ao papel da Xunta de Galicia como administración competente na xestión do territorio "pode e debe ser capaz de propoñer alternativas para un posible traslado", defenden as mesmas fontes.
Chegados a este punto e tras un tempo para analizar os pormenores xurídicos da sentenza "estamos todos obrigados a acordar a mellor estratexia para executar a sentenza", sinalan desde Transición Ecolóxica co obxectivo, aseguran de "evitar os posibles danos que sobre os traballadores poida ter".