As sedes institucionais visibilizan a artrite e as enfermidades inflamatorias intestinais

Pontevedra
01 de outubro 2021

As fachadas da Deputación e o Concello de Pontevedra dan visibilidade a diferentes doenzas e enfermidades iluminándose de diferentes cores ou amosando pancartas

Pancarta de visibilización do proxecto Gesto 'Pon unha bolsa na túa vida'
Pancarta de visibilización do proxecto Gesto 'Pon unha bolsa na túa vida' / Concello de Pontevedra

As fachadas da Deputación e o Concello de Pontevedra dan visibilidade a diferentes doenzas e enfermidades iluminándose de diferentes cores ou amosando pancartas.

A Deputación iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde as 20.30 deste venres ata as 7.30 da mañá do sábado ao abeiro do Día Nacional da Artrite. Deste xeito a institución provincial únese á campaña "Outubro é meu mes, axúdasme a que nos vexan?" que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite da man de entidades de todo o Estado como a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO).

A través desta iniciativa preténdese darlle visibilidade a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite, así como ás persoas enfermas, concienciando á sociedade sobre as dificultades coas que se atopan no día a día e dando a coñecer estas patoloxías, descoñecidas para a maior parte da poboación.

En España a artrite reumatoide afecta a 420.000 persoas, das que 27.000 se atopan en Galicia. Segundo a Enquisa AR2020, o 56,8% das que o padecen, presentan unha alta actividade segundo parámetros clínicos; e o 49,2% amosa unha total incapacidade ou grandes dificultades para coller ou levantar peso, que se reduce ao 27,8% no caso da realización das tarefas propias do seu traballo e ao 24,2% no feito de subir e baixar escaleiras.

Pola outra banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participaron este venres no balcón da Casa Consistorial, acompañados polos membros da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii) Ángela Paz, Víctor Loira e María del Carmen Paz no acto de despregadura dunha pancarta de visibilización do proxecto Gesto 'Pon unha bolsa na túa vida'. 

A súa colocación enmárcase dentro das accións organizadas polo colectivo co gallo da conmemoración do Día Mundial das Persoas Ostomizadas (primeiro sábado de outubro), entre as que tamén se inclúe a visibilización da iniciativa de Owings con camisetas co slogan 'Levo bolsa. E non é para comprar'.