As rutas de sendeirismo e o produto proximidade espertaron un gran interese entre as persoas que visitaron Cuntis en agosto

Umia
04 de setembro 2024

Segundo os datos recollidos pola Oficina Municipal de Turismo, o perfil de visitantes que solicitaron información nas instalacións pertence a persoas de entre 60 e 65 anos, activas, provintes doutros lugares de España e que demandan información sobre as sendas existentes no municipio

Senda en Cuntis
Senda en Cuntis / Concello de Cuntis

Arredor de 160 persoas solicitaron información na Oficina Municipal de Turismo, situada no edificio da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, ao longo do mes de agosto. 

Practicamente o 100% dos visitantes que foron asesorados polo técnico municipal proveñen dun turismo nacional. Por comunidades, Madrid foi a máis representada neste aspecto, con preto de medio cento de turistas. Tamén hai que destacar unha importante presenza de persoas de Andalucía, Cataluña, Valencia ou Euskadi. Estímase que o incremento de visitas foi dun 25% aproximadamente con respecto ao mesmo mes no ano 2023.

Con respecto á información demandada polos usuarios, unha inmensa maioría amosou moito interese en coñecer detalles sobre as rutas de de sendeirismo de Cuntis. Tal e como lembra o alcalde, Manuel Campos, o concello conta con máis de 20 quilómetros de espazos para camiñar e fomentar os hábitos saudables, ao tempo que se poden gozar de grandes vistas e da beleza da contorna. "A nosa aposta continuará sendo a potenciación destas zonas, xa que somos conscientes de que en Cuntis contamos con recursos únicos que espertan moito interese entre a xente de fóra", sinala Campos Velay.

Non hai que esquecer que Cuntis dispón de tres roteiros de referencia dentro da provincia de Pontevedra. O máis longo é o que transcorre pola contorna dos ríos Gallo e Umia, con 10 quilómetros de extensión e dificultade moderada. 

Ademais, tamén está o Camiño da Cruz, que permite coñecer a Aldea do Pazo ou o Monte Marán, así como a ruta dos petroglifos, con paradas obrigadas na Árquea Arqueolóxica da Ran ou o convento de San Bieito. Os turistas tamén solicitaron datos sobre Castro Landín, demostrando, unha vez máis, que o patrimonio etnográfico e histórico é outro atractivo importante de Cuntis. 

A través das enquisas realizadas polo técnico de Turismo, tamén se poden obter outros datos de interese, como o feito de que moitas persoas preguntaron por cuestións vencelladas á gastronomía típica local e o produto de proximidade, para coñecer os locais e lugares onde comprar pan, queixo e outras especialidades autóctonas.

Con respecto ao perfil dos visitantes, predominaron durante o mes de agosto as parellas de persoas de idades comprendidas entre 60 e 65 anos, en moitos casos xubiladas recentemente, pero cunha actitude activa e dispostas a desprazarse. Neste caso, ademais de solicitar información sobre as sendas e a oferta termal, tamén se interesan por outras localidades e lugares da contorna, tanto da provincia de Pontevedra como de Galicia. 

Hai que lembrar que a enquisa informativa que se lle realiza ás persoas que visitan a Oficia de Turismo recolle cuestións de interese, como a procedencia dos turistas, o tempo de estancia ou o seu método de transporte. Ao longo de todo o verán foron atendidas máis de 300 persoas.