As 'Rutas das Maceiras en Flor' volven con catro percorridos gratuitos por sidrerías da Estrada

Pontevedra
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A web de Turismo Rías Baixas abrirá o vindeiro 17 de abril, ás 9:00 horas, as inscripcións para participar nas 'Rutas das Maceiras en Flor'

Maceira en flor
Maceira en flor

A web de Turismo Rías Baixas abrirá o vindeiro 17 de abril, ás 9:00 horas, as inscripcións para participar nas Rutas das Maceiras en Flor. 

Serán catro percorridos polo municipio da Estrada nos que se visitarán catro sidrerías singulares (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino). A comarca de Tabeirós-Terra de Montes é toda unha referencia na produción de mazá ecolóxica.

Todas as rutas son completamente gratuítas e comezarán o vindeiro 27 de abril visitando a plantación de Callobre e a sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no Pazo de Valiñas, cunha altura aproximada de 22 metros é un dos máis importantes desta especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita á plantación, será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá desfrutar, ademais, dunha cata degustación de produtos.

Cada unha das rutas contará con 40 prazas, é dicir, haberá un total de 160, que se adxudicarán por orde de inscrición e poderán reservarse no formulario que estará habilitado na web de Turismo Rías Baixas. 

Outorgaranse as prazas por estrito orde de inscrición e só se poderán solicitar un máximo de 4 prazas por reserva. 

As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou que con esta iniciativa preténdese "desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia, así como ofrecer unha oportunidade única de desfrutar deste fermoso espectáculo floral".