Durante o primeiros oito meses deste 2023 un total de 139.493 persoas pasaron polas instalacións do Museo de Pontevedra, un 16% máis das que se rexistraron en 2022 durante ese período.
Todos os meses desde febreiro superaron amplamente as cifras do ano anterior. En agosto a cifra alcanzou as 46.321 persoas, o mes de máis visitas desde o ano 2009, segundo indica a Deputación de Pontevedra. O incremento respecto a xullo foi dun 75% e supera nun 9% as visitas rexistradas durante o mes de agosto do ano anterior.
As Ruínas de San Domingos volveron ser o espazo con máis visitantes ao achegarse ata os restos do Convento gótico 39.741 persoas, a máis alta nos últimos 20 anos, desde que se teñen datos sobre a presenza de visitantes. Esta afluencia foi un 85% superior ao mes de xullo e o incremento respecto a agosto de 2022 alcanza o 10%, o máis elevado da serie histórica ata o momento.
Desde abril, cando se abriron ao público, ata o mes de agosto, as Ruínas suman 92.538 visitantes, un 14% máis que en 2022, aínda que se abriron dúas semanas máis tarde que o pasado ano. Permanecerán abertas ata o 31 de outubro.
En canto ás exposicións temporais, a máis visitada este ano é a de 'Rafael Úbeda. Expresións cromáticas', que permanece aberta no Edificio Castelao ata o 17 de setembro. Ata finais de agosto foi visitada por 7.133 persoas.