As restricións fronte á covid-19 aprobadas en Galicia tras o estado de alarma, avaladas polo TSXG

Pontevedra
12 de maio 2021

O tribunal ratifica a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma por ser unha medida xustificada por "unha situación real de risco de contaxio" e tamén as medidas de toque de queda e peche perimetral dos concellos en nivel máximo de restricións

Persoa con máscara nunha rúa de Pontevedra
Persoa con máscara nunha rúa de Pontevedra / Cristina Saiz

As medidas preventivas adoptadas pola Xunta de Galicia tras a finalización do estado de alarma acaban de recibir o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que dá desta maneira o visto bo a restricións como a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma.

Unha vez rematado o estado de alarma, todas as novas medidas precisan ratificación xudicial e en Galicia a Sala do Contencioso-administrativo aprobounas todas, entre elas as máis restritivas, que son as que afectan aos concellos que se atopan no nivel máximo, que no momento de suspenderse o estado de alarma eran Padrón, Cualedro, Laza, Cambados e Vilanova de Arousa. 

Estas medidas, aplicables para os concellos cunha incidencia acumulada a 14 días superior a 500 casos por 100.000 habitantes, inclúen o toque de recollida ás 23 horas, a prohibición de reunións e o peche perimetral e da hostalería. No resto de Galicia, ademais das limtacións durante a madrugada, tamén se regulan os encontros a un máximo de catro persoas en espazos interiores e de seis en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes.

O auto xudicial ratifica a prohibición de encontros durante a madrugada porque é unha medida xustificada por "unha situación real de risco de contaxio", xa que, normalmente, nesa franxa horaria as reunións de persoas "desenvólvense no ámbito das relacións sociais, nas que é frecuente a relaxación das medidas de distanciamento social, uso de máscaras, etc.".

Os xuíces do TSXG entenden que a limitación de agrupacións entre non conviventes durante a unha e as seis da mañá "non ten un impacto significativo no dereito de reunión".

O TSXG tamén considera que as medidas nos concellos con restricións máximas que non teñen "un impacto limitativo de dereitos fundamentais que poida considerarse desproporcionado" e que "esixa escoller entre outras alternativas menos gravosas". Sobre o peche perimetral, indica que "trátase de manter un control sobre a poboación dos municipios afectados, evitando que cos seus desprazamentos a outras localidades as persoas que poidan estar infectadas asintomáticas transmitan o virus, da mesma maneira que se trata de evitar o contaxio a persoas que poidan acceder ás ditas localidades".

O alto tribunal galego apunta no auto que na "procura do fundamento e xustificación" destas medidas "non hai que atender exclusivamente" ás consideracións expostas pola Xunta, administración á que lle afean a "escaseza de datos" facilitados. Así, cren que tamén deben sustentarse en datos facilitados por comités clínicos, con coñecementos e experiencia científica en materia de saúde e, en particular, epidemiolóxica. 

O auto dado a coñecer este mércores xustifica ratificar estas medidas no momento actual "de transición cara a unha nova normalidade" desde o cesamento do estado de alarma, e tendo en conta que, ademais, as medidas teñen un ámbito xeográfico limitado (afectan a cinco municipios) e un ámbito temporal tamén limitado, ata o día 21 de maio, con obrigación de revisión. Valóranas "dentro dunha razoable marxe de apreciación que admite neste momento a ratificación das medidas".