As previsións meteorolóxicas para a vindeira fin de semana, que prevén días de choiva, levaron ao Concello de Pontevedra a tomar a decisión de adiantar os espectáculos de 'Rock in the Air' e os pasarrúas previstos para o sábado e o domingo dentro da campaña 'O Meu Compromiso'.
Os cambios afectan a espectáculos contratados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo á compañía de Pablo Mèndez Perfomances.
Finalmente, este xoves 14 de outubro ás 19.00 horas farase o pasarrúas 'Carro de Fadas' na Praza de Curros Enríquez; o venres 15 ás 18.00 horas, o Rock in the Air e ás 19:00 horas o pasarrúas 'Saltamontes' na contorna da pasarela da rúa José Adrio; e o sábado 16, ás 12:00 horas, outro espectáculo aéreo na Praza de Abastos.
As malas previsións do tempo tamén afectarán ao emprazamento dos talleres infantís, que manterán os mesmos horarios, pero que, no caso de precipitacións, se trasladarán do punto sostible situado na rúa Loureiro Crespo a unha sala do Hotel Rías Bajas. Avisarase a tódalas familias xa apuntadas deste cambio de ubicación a través de email.
Ademais, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, adiantou que para o vindeiro luns 18 está previsto que os membros do xurado do concurso de escaparatismo realicen unha ruta para puntuar os decorados instalados polos 42 comercios participantes.
A saída está prevista ás 11:00 horas desde a Praza de España e o percorrido levará unha e media aproximadamente, visitando primeiro os locais do contorno da Praza de Ourense, seguidamente os da zona de Rosalía de Castro e, finalmente, os da área de Loureiro Crespo.
Os tres escaparates con maior puntuación serán os gañadores dos premios de 600 euros contemplados nesta campaña. En caso de empate, o xurado deberá desempatar.
O xurado intégrano a deputada provincial Olga García Ballesteros, o técnico do Servizo Municipal de Promoción Económica Francisco López Sieiro e a general manager da firma Sra. Nona Brand (que organiza a campaña), Noemi de Miguel.