As medidas de prevención para evitar contaxios polo coronavirus COVID-19 chegaron tamén ás celebracións relixiosas de Pontevedra.
O Arcebispado de Santiago de Compostela, ao cal pertence a comarca pontevedresa, trasladou unha serie de recomendacións a seguir en igrexas e celebracións "co obxectivo de extremar as medidas de hixiene adecuadas nos actos litúrxicos, especialmente naqueles que conleven accións de bicamáns a imaxes relixiosas ou outras manifestacións externas de piedade popular", sinala nun comunicado.
Esta serie de consellos atende ás recomendacións da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e ás indicacións realizadas desde a Conferencia Episcopal Española.
Entre elas destaca a indicación aos fieis de evitar dar a man e outras formas de contacto físico durante o rito da paz, dando permiso aos sacerdotes para prescindir deste momento durante as celebracións.
Ademais os bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela sinalaron aos sacerdotes que cando distribúan a comuñón durante a Eucaristía "laven as mans antes e despois deste momento" aconsellándolles "que para iso teñan un espray ou líquido desinfectante nas sancristías e úseno antes de celebrar os actos de culto".
Tamén sinalan como conveniente a retirada da auga bendita das pilas situadas á entrada dos templos.
Por último, en relación ás mostras de devoción e afecto cara ás imaxes, habituais durante o actual período de Coresma e na Semana Santa, aconsellan que sexan substituídas por outras como a inclinación de cabeza, xa que "é necesario evitar todo tipo de contacto físico con cruces, medallas, escapularios, etc. que xa fosen bicadas por outros fieis, facilitando, ademais, unha maior rapidez que evite aglomeracións innecesarias", explica o Arcebispado.