As prazas para visitar Santa Clara esgotáronse nun só minuto

Pontevedra
11 de xullo 2020

O interese dos pontevedreses por coñecer por dentro o convento de Santa Clara quedou demostrado polo feito de que as prazas -un total de 75- para as cinco visitas guiadas previstas o mércores 17 de xullo esgotáronse nun só minuto

Convento de Santa Clara, en Pontevedra
Convento de Santa Clara, en Pontevedra / Mónica Patxot

O interese dos pontevedreses por coñecer por dentro o convento de Santa Clara quedou demostrado polo feito de que as prazas -un total de 75- para as cinco visitas guiadas previstas o mércores 17 de xullo esgotáronse nun só minuto.

Ás nove da mañá abríase o prazo de inscrición para a Semana do Patrimonio Invisible e, tal e como se prevía, as visitas ao convento foron as que máis interese espertaron.

Tanto é así que se optou por ampliar o número de persoas admitidas e en apenas outros dez minutos máis, xa non quedaba nin un só oco libre.

Así, mantendo o horario de cada visita organizaranse dous grupos en cada unha, que iniciarán o itinerario en puntos diferentes e realizarán o percorrido a través dos mesmos elementos pero en distintos momentos e sen que se produzan interferencias entre os grupos.

Pero o resto da oferta non quedou atrás. Despois de Santa Clara, as seguintes prazas en esgotarse foron as das visitas ao pazo de Mugartegui, que quedaron completas ás 09:38 horas.

As de Villa Pilar pecháronse ás 09:57 horas e as do colexio Sagrado Corazón de Praceres ás 10:17 horas. As visitas ao cemiterio de Santo Amaro completáronse ás 12:08 horas.

A Semana do Patrimonio Invisible terá lugar os días 16, 17 e 18 de xullo e permitirá acceder a cinco espazos culturais da cidade que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público.