As pistas municipais de pádel e tenis de Soutomaior modernizan o sistema de reservas

Soutomaior
10 de setembro 2024

A partir do 1 de outubro entrará en funcionamento unha nova aplicación para a reserva de pistas municipais de padel e tenis

O alcalde de Soutomaior nas pistas de pádel
O alcalde de Soutomaior nas pistas de pádel / Concello de Soutomaior

A partir do 1 de outubro entrará en funcionamento unha nova aplicación para a reserva de pistas municipais de padel e tenis. 

Segundo comunicou o Concello de Soutomaior, a nova ferramenta "máis moderna e accesible" suporá unha "mellora notable" para as persoas usuarias en termos de "rapidez e facilidade" para adquirir os bonos para o uso das pistas.

Ata o de agora, as persoas interesadas tiñan que facer parte do proceso de maneira presencial no Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’. Con esta nova aplicación, todo ese trámite axilizarase e, con crear un usuario e un contrasinal xa se terá acceso. 

Na aplicación xestionarase directamente tanto o acceso ás pistas como o uso dos focos no caso de ser necesario, sendo un proceso que liberará de carga administrativa ás técnicas municipais de deportes. 

Tamén se axiliza o sistema para acceder ás pistas, xa que non fará falta contar cunhas chaves. A persoa que teña a reserva no seu móbil simplemente deberá achegar o teléfono ao peche electromagnético e este abrirase automaticamente. Este novo peche tamén conta cun mecanismo de seguridade en caso de perda da corrente eléctrica polo cal a porta de acceso a pista se poderá abrir desde dentro de maneira manual.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "o noso concello conta con dous clubes de padel e acolle campionatos nos que compiten xogadores e xogadoras de toda Galiza, polo que contar cunhas infraestruturas de boa calidade fai que Soutomaior potencie a súa imaxe de referente a nivel deportivo".