As persoas residentes en Combarro contan desde esta fin de semana cunha nova zona de estacionamento específica no Camiño Real que aliviará os problemas para aparcar cos que se atopan a diario durante as épocas de maior afluencia turística nesta zona de Poio.
A Concellería de Seguridade Cidadá confirmou este sábado que desde este venres 1 de xullo xa está operativo este estacionamento.
A responsable do departamento municipal, Marga Caldas, engadiu que a partir da vindeira semana tamén se abrirá unha parcela que se atopa en Costa de Abaixo.
Os dous aparcadoiros teñen unha capacidade total para acoller uns 30 automóbiles aproximadamente e serán de 24 horas, co obxectivo de garantir a súa rotación.
Estes dous espazos foron acondicionados polo Concello despois de realizar xestións coas persoas propietarias.
O Concello de Poio continúa xestionando máis espazos para ampliar o número de prazas para residentes, á espera de que Portos de Galicia aprobe o proxecto para as 25 prazas que se emprazarán nunha parcela situada no Paseo das Redeiras.
O pasado mes de maio, o Concello anunciou que quedarían habilitados como aparcamentos cinco terreos cedidos polos seus propietarios en Costa de Abaixo, Cela, o Camiño Real e A Pinela. Todos teñen o mesmo obxectivo, solucionar os problemas de estacionamento que se rexistran en Combarro, sobre todo nos meses estivais.
A través deste plan, o goberno municipal de Poio prevé habilitar unhas 160 prazas de nova creación, repartidas entre os máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a este servizo.