A Consellería de Sanidade facilita que as persoas da provincia de Pontevedra que xa participaron, a través das farmacias, no cribado para a detección de Covid-19 en persoas asintomáticas poidan repetir a proba.
O cribado poboacional que comezou o 9 de febreiro en 381 farmacias da provincia de Pontevedra detectou 64 positivos en persoas asintomáticas de entre 40 e 64 anos residentes na provincia de Pontevedra.
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo lembra que "o cribado continúa activo nas farmacias da nosa provincia", e anima aos pontevedreses para participar nel.
Ata hai unhas semanas estes cribados estaban limitados no tempo e a ámbitos poboacionais máis pequenos. Con todo, na provincia de Pontevedra a participación dos profesionais farmacéuticos ha permitido que se poña ao dispor dos cidadáns a realización de PCR de forma máis accesible.
CRIBADO POBOACIONAL INTENSIVO EN CAMBADOS
Ao mesmo tempo que continúa o cribado provincial, iniciouse un cribado poboacional intensivo no municipio de Cambados dirixido a unha poboación diana de 5.341 persoas. Neste cribado, que comezou o luns 8 de marzo, participan catro farmacias e estenderase durante toda esta semana, finalizando o luns 15 a entrega de tubos coa mostra de saliva nas farmacias.
A convocatoria foi un éxito e os cidadáns de Cambados están a acudir masivamente ás farmacias para obter os kits de recollida de mostra. En tres días de cribado xa participaron 2.494 persoas, o 46,7% da poboación diana. Aínda non se teñen resultados.