Este entroido de 2023 chega con ganas, a xente leva tres anos sen celebrar en condicións normais esta festividade. Durante este tempo foron estreadas novas series e películas, polo que aparecerán novos disfraces.
As temáticas que máis se verán durante este entroido segundo Melissa, unha empregada da tenda de disfraces Party Festa, e Loli Novás,copropietaria da tenda de lambetadas e disfraces Caramelos Novás, son o anime, destacando os debuxos de Pokemon e Naruto; os videoxogos, sendo unha parella destacada a Mario Bross e Luigi; e as series e películas, onde son solicitadas as vestimentas dos protagonistas principais de Marvel.
En canto ao disfrace máis popular é, sen dúbida, o da actriz principal de serie Mércores e tamén os demais personaxes do elenco da Familia Addams, afirman as traballadoras de ambas tendas. Tamén hai unha tendencia cara ao terror coa compra de veos e toucas, comenta Melissa.
Ata o de agora estívose falando de disfraces completos, pero outra opción é crear un disfrace coa utilización de complementos. Os accesorios máis empregados nestas datas son as perrucas de todas as cores, as lentes e a maquillaxe, expoñen ambas as traballadoras. Por exemplo, para a caracterización de Jonh Lenon é máis simple e económico comprar unha perruca e unhas lentes, que un traxe enteiro.
Tratando o asunto do entroido en liñas xerais, adoita realizarse a seguinte pregunta: disfrace completo ou caracterización utilizando accesorios? Tanto en Caramelos Novás como en Party Festa confirman que se venden ambas opcións por igual, é certo que o prezo dun disfrace completo é maior que o dos complementos, polo que a elección tomada é dependendo do consumidor.
Pero desde 2019 se rexistraron cambios en diferentes aspectos sociais. Novás conta unha curiosidade sobre as imaxes do empaquetado dos disfraces.
Actualmente, os disfraces, que inclúen pantalóns, levan imaxes de nenos e de nenas, é dicir que non hai unha distinción por xénero e considérao un avance. Con respecto ao xénero e tratando o que adoitan levar os homes e as mulleres, en ambas as tendas opinan que se vende practicamente o mesmo para home que para muller.
A maiores destas tendencias de entroido e os hábitos de compra das persoas, en Caramelos Novás aseguran que sempre se viviu o entroido con moito entusiasmo, expón Loli Novás. Por mor disto, dedicáronlle un espazo ao seu pai e fundador do comercio, Joaquín Novás, que faleceu a finais do ano pasado.
Na tenda pódese observar unha mesa verde cunha variedade de produtos, que son o último pedido que realizou o fundador. A homenaxe que realizaron é regalar un dos produtos da mesa pola compra dun disfrace. Loli Novás comenta "os nenos vólvense tolos", xa que non se esperan que lles vaian a dar algo a maiores do que compraron.