Primeiro sábado de touros na feira taurina da Peregrina, pero segundo sábado de peñas nas rúas da cidade. Hai unha semana os grupos de mozos invadiron o centro histórico coas súas camisetas de peñas taurinas a pesar de que non había actividade na praza e este sábado volveron. Fixérono nun número similar e deixando imaxes que se repiten: litros de viño e cervexa para consumir, outros tantos para tirarse uns a outros e moita festa.
Mentres na praza de San Roque celebrábase a segunda xornada de touros -a primeira foi o pasado domingo- e o colectivo antitaurino percorría o centro da cidade pedindo a abolición destes festexos e que o Concello de Pontevedra deixe de subscribir un convenio para o uso da praza, os grupos de 'peñistas' gozaron con música que saía dos bares cara á praia. A celebración comezou xa ao mediodía e habitualmente prolóngase ata altas horas da madrugada.