As patrullas militares contra os incendios percorren 200.000 quilómetros de monte nun mes

Pontevedra
12 de agosto 2013

Dende o inicio da operación 'Sentinela Galega' o 15 de xullo participaron máis de 200 militares. A Brilat percorreron montes das provincias de Pontevedra e Ourense e a Armada, a provincia da Coruña. Os soldados deron máis de 30 avisos e a alerta temperá que realizaron "contribuíu á rápida actuación dos servizos de extinción da Xunta"

As patrullas militares que comezaron o 15 de xullo a operación 'Sentinela Galega' percorreron xa 200.000 quilómetros de monte por toda Galicia na súa misión de prevención de incendios forestais.

As patrullas están conformadas por militares da Brilat e do Tercio Norte de Infantería de Marina de la Armada con sede en Ferrol, pero o mando da misión corresponde ao xeneral xefe da Brigada de Figueirido, José Antonio Alonso Miranda.

No primeiro mes de operación participaron na operación máis de 200 militares. Os da Brilat percorreron montes das provincias de Pontevedra e Ourense, mentres que os efectivos do Tercio Norte de Infantería de Marina o fixeron na provincia da Coruña.

As tarefas que teñen asignadas os militares son as de manter presenza disuasoria, vixiar as zonas asignadas, proporcionar información temperá aos servizo de extinción de incendios, notificar as actividades relacionadas con incendios ou incidentes ás Forzas e Corpos de Seguridade, e en última instancia, ante a comisión flagrante dunha actividade delituosa, a detención dos presuntos autores.

En cumprimento desta misión, e durante as patrullas realizadas durante as 24 horas do día, os militares deron máis de 30 avisos por incendios ou conatos.

Sobre a base destas cifras, o Ministerio de Defensa sinala a través da súa páxina web que o balance da operación "é positivo". "A alerta temperá facilitada polas patrullas contribuíu á rápida actuación dos servizos de extinción da Xunta", sinalan.

Así mesmo, a percepción cidadá e o seu apoio ás patrullas "tamén é boa", xa que as súas tarefas de vixilancia e disuasión -en colaboración coas autoridades civís, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os servizos da Xunta- contribuíron á prevención de incendios forestais.

Ata agora participaron na operación 25 patrullas militares diarias, as definidas por Defensa e a Xunta para o nivel de risco medio de incendios. O despregamento poderá incrementarse ata 50 patrullas e un helicóptero se se considera que o perigo é alto ou ata 75 patrullas e dous helicópteros se é moi alto.

Arquivado en