O Centro Agarimo de Príncipe Felipe loce nas súas paredes un novo mural da artista viguesa Pilar Alonso. Unha iniciativa enmarcada dentro da programación "Seguimos con todas e para todas", que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para "reafirmar que o noso compromiso coa igualdade é irrenunciable".
No deseño do mural participou o propio alumnado co fin de traballar a coaeducación e a igualdade entre mulleres e homes.
A deputada Sandra Bastos manifestou que no goberno provincial "somos moi conscientes de que a educación é un dos piares fundamentais para acadar unha sociedade equitativa. Por iso imos seguir promovendo accións como esta, que fomentan a igualdade e a transversalidade da perspectiva de xénero no ámbito educativo".
A viguesa Pilar Alonso é unha artista multidisciplinar, se ben destaca no debuxo, a pintura, a escultura e a instalación. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, foi becada no Paular de Segovia e cursou estudos de posgrado na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby. Ao longo da súa carreira ten exposto en galerías e espazos de España e Alemaña. O proceso vital é o eixo central do seu traballo; o universo feminino e a nenez, protagonistas; e o evocativo, un elemento central no seu fundamento creativo. Na súa obra, organizada en diferentes series, aparecen personaxes inventados, adscritos a etapas vitais, que fan que o seu traballo sexa aínda máis narrativo e cinematográfico.