As paredes da facultade de Educación recollen preto de 200 testemuños sobre violencia machista

Pontevedra
24 de novembro 2022

Con motivo da conmemoración, mañá venres, do Día Internacional da Violencia contra a Muller, a Comisión PEA Unesco e a Delegación de Estudantes da facultade promoveron a campaña "Eu coñezo alguén que", na que se animaba o alumnado a plasmar nunha folla de papel un "testemuño anónimo e en terceira persoa dalgún feito que consideredes que forma parte desa violencia estrutural que nos dana", como sinalaron as súas promotoras

Alumnado promotor da campaña "Eu coñezo alguén que"
Alumnado promotor da campaña "Eu coñezo alguén que" / Universidade de Vigo

Nas paredes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no campus de Pontevedra, pódense ler estes días unha serie de testemuños anónimos dirixidos a pór o foco no carácter estrutural da violencia machista. 

Con motivo da conmemoración, mañá venres, do Día Internacional da Violencia contra a Muller, a Comisión PEA Unesco e a Delegación de Estudantes da facultade promoveron a campaña "Eu coñezo alguén que", na que se animaba o alumnado a plasmar nunha folla de papel un "testemuño anónimo e en terceira persoa dalgún feito que consideredes que forma parte desa violencia estrutural que nos dana", como sinalaron as súas promotoras. 

A iniciativa permitiu reunir preto de 200 textos, que foron colocados en diferentes puntos da facultade nunha xornada na que a presentación desta proposta completouse coa da curta "El otro día pasó de nuevo", da estudante Antía García.

As promotoras desta iniciativa sinalaron que a idea é que axude a tomar consciencia de que a violencia de xénero existe nun contexto como o de agora, no que hai xente negándoa.

Nas notas pegadas nas paredes da facultade as alumnas falan tanto de episodios sufridos por elas mesmas como por persoas da súa contorna. Son notas que foron depositadas ao longo da semana nunha urna situada na entrada do centro académico.

 

Arquivado en