As palmeiras do Paseo Alcalde Blanco serán recolocadas en Cantodarea

Marín
10 de febreiro 2021

O Paseo Alcalde Antonio Blanco de Marín avanza coas obras de transformación deste espazo situado entre o porto comercial e a Escola Naval Militar. Nesta nova fase, contémplase o traslado de parte das palmeiras ao Parque Azul de Cantodarea, coa posibilidade de recolocar algún exemplar no viario das praias

Obras do paseo Alcalde Blanco en Marín
Obras do paseo Alcalde Blanco en Marín /

O Paseo Alcalde Antonio Blanco de Marín avanza coas obras de transformación deste espazo situado entre o porto comercial e a Escola Naval Militar.

Na remodelación desta contorna contémplase a recolocación de parte das palmeiras que se atopan actualmente no paseo noutros puntos do municipio.

Segundo explica a concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, parte dos exemplares manteranse no paseo pero outros serán trasladados. "Moitos deses exemplares reubicarémolos en Cantodarea, no Parque Azul", adianta a edil.

A concelleira explica a elección prioritaria de Cantodarea porque nesta zona "xa hai este tipo de árbores, incluso foi necesario no seu día retirar algúns que foran afectados pola praga do picudo". Deste xeito, este espazo, no que hai un parque infantil e pistas de skate, e, polo tanto, é moi utilizado pola veciñanza, volverá contar con exemplares de palmeiras.

Ademais de Cantodarea, outra das ubicacións previstas será o viario das praias, onde tamén existen exemplares deste tipo de árbore.