A marea de granulados, máis coñecidos como 'pellets', que chega ás costas galegas desde mediados de decembro procedente do mercante Toconao está a sacar á luz unha realidade que afecta ao litoral da comunidade desde moito antes, a presenza masiva de plásticos. Agora que operarios e voluntarios percorren praias e zonas de cantís para retirar estas pezas de menos de cinco milímetros están a atoparse máis plásticos doutras procedencias.
Así o confirmou este luns a Xunta de Galicia. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance do dispositivo despregado nos últimos días polo Goberno galego nas praias e no mar para a recollida dos 'pellets' perdidos en augas portuguesas.
Segundo os datos que deu a coñecer, este dispositivo permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets. Desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.
Só o domingo, o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou o equivalente a cinco sacos de granulados -incluído un saco enteiro recuperado polo Servizo de Gardacostas no litoral de Laxe- e sacou dos areais máis de 1.200 quilos doutros materiais compostos por plásticos.
O Goberno autonómico vai solicitar aos concellos que trasladen información das cantidades recollidas polo seu persoal ata este momento e para reforzar a colaboración para optimizar a súa xestión.
A representante do Executivo galego salientou que o operativo de limpeza en terra -composto por máis de 300 efectivos e 56 formadores de voluntarios- está a traballar este luns en 63 praias de 30 concellos e a eles súmanse os medios por mar. O Servizo de Gardacostas ten activados os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte -o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia- e 13 patrulleiras de menores dimensións. Mentres, o Goberno central mantén activado o avión Rosalía de Castro para facer voos de vixilancia.
PREOCUPACIÓN ECOLOXISTA
A conselleira mantivo mantivo este luns unha reunión co presidente de Adega, Roi Cuba, que lle trasladou a preocupación do movemento ecoloxista galego ante a "falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada" por parte da Xunta neste episodio de contaminación mariña.
Acompañado polo secretario xeral, Froilán Pallín, e a secretaria executiva, Belén Rodríguez, o responsable de Adega aproveitou para reclamar unha serie de reivindicacións para a prevención futura da contaminación mariña e para unha resposta máis áxil e transparente da Xunta.
O colectivo ecoloxista advertiu a Ánxeles Vázquez do risco que o vertido de pellets plásticos ten para a preservación dos espazos naturais protexidos do litoral, e instou á conselleira a prestar especial atención a eses espazos nos labores de vixilancia, control e eliminación de microplásticos.
Chamou a atención sobre a necesidade de priorizar as actuacións nas zonas de cría da píllara das dunas, unha especie protexida e vulnerable, que habita os areais galegos e que en mes e medio comezaría a criar nas dunas.
Outra das peticións de acción inmediata é que a consellaría de Medio Ambiente dea instrucións claras a todos os concellos litorais para que cesen no uso de maquinaria pesada para a limpeza das praias, xa que se estaría agravando a situación dos areais, ao soterrar os pellets, compactar a area das praias e retirar innecesariamente xunto cos residuos elementos naturais que son imprescindibles para a biodiversidade litoral.
A vicepresidenta segunda avanzou que se está a conformar un comité científico, do que se dará a coñecer este martes a súa composición.