As ONGs demandan priorizar as doazóns en efectivo a Ucraína fronte as axudas en especie polos problemas de loxística

Pontevedra
07 de marzo 2022

O Concello de Pontevedra súmase este mércores, 9 de marzo, á concentración silenciosa de cinco minutos convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para mostrar o rexeitamento á invasión de Ucraína por parte de Rusia

Persoas fuxindo da guerra en Ucraína
Persoas fuxindo da guerra en Ucraína / Unicef

O Concello de Pontevedra súmase este mércores, 9 de marzo, á concentración silenciosa de cinco minutos convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para mostrar o rexeitamento á invasión de Ucraína por parte de Rusia. 

A portavoz municipal, Anabel Gulías, denunciou a guerra por parte do exército ruso e aplaudiu as iniciativas solidarias xurdidas en Pontevedra por parte de particulares e empresas.

Ademais o Concello de Pontevedra e tamén a Xunta de Galicia trasladaron este luns a petición feita polas ONGD á poboación para que prioricen as doazóns en efectivo fronte as axudas en especie polos problemas de loxística. 

O Goberno galego fará nos vindeiros días unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros para que as organización non gobernamentais galegas presenten os seus proxectos para a canalización da axuda á poboación de Ucraína.

Este luns celebrouse unha reunión na que participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e representantes da Coordinadora Galega de ONGD, das ONGD humanitarias (Farmaceuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF Comité Galicia, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, Movimiento por la Paz y el Desarme e Axuda en Acción) e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Coincidiron en que é imprescindible unha acción conxunta e coordinada dos distintos axentes para garantir que toda a axuda en materia de acción humanitaria sexa o máis eficaz e eficiente posible.

Isto responde a un chamamento das organizacións e das ONGD que están en terreo para poder canalizar a axuda e para que sexa efectiva e eficaz e chegue realmente aos que o necesitan, xa que hai problemas loxísticos para traslado, almacenamento e distribución, así como problemas medioambientais e co comercio local nos países de recepción das doazóns en especie. Reitérase a necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD encargadas desta materia.

Como resultado da reunión considerouse necesario a creación e mantemento dun grupo de coordinación estable para o intercambio da información e a procura de solucións ante esta crise.

Como actuación inicial propúxose a publicación dun comunicado conxunto para que a cidadanía coñeza cal é a mellor maneira de canalizar ou facer efectiva a súa solidariedade co pobo ucraíno. Neste sentido insistirase na necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD humanitarias que se atopan no terreo, debido á dificultade loxística da recollida, almacenamento, transporte e reparto da axuda en especie.

A Xunta informou de que puxo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón tanto a través da activación de dous convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises como Farmacéuticos Mundi e UNICEF, así como do convenio asinado coa cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional, a través do cal activouse un fondo de continxencia de 400.000 euros para destinar ao chamamento internacional realizado pola Federación Internacional da Cruz Vermella presente en Ucraína e nos países fronteirizos.

A maiores, actuarase a través do financiamento de intervencións de resposta á emerxencia que se presenten á través da convocatoria para proxectos de acción humanitaria no exterior que se publicará nas vindeiras semanas.

No encontro acordouse que a través da FEGAMP e os Concellos se faga un inventario sobre os lugares de referencia de recollida e almacenaxe de material para ter coñecemento do seu volume e contido, a fin de tomar a mellor decisión sobre como proceder ao respecto.

 

Arquivado en