As oficinas de turismo de Sanxenxo e Portonovo atenderon en xullo a 2.332 persoas

Sanxenxo
04 de agosto 2022

Crece a demanda de información de viaxeiros portugueses respecto a anos anteriores con 105 visitantes lusos, mentres que os madrileños son os máis numerosos dentro do turismo nacional

Turistas na oficina de Turismo de Sanxenxo
Turistas na oficina de Turismo de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Un total de 2.332 persoas visitaron as oficinas de turismo situadas no porto deportivo de Sanxenxo e de Portonovo durante o pasado mes de xullo. As cifras rexistradas supoñen apenas un 2 % menos que no mesmo período de 2019, ano turístico récord no municipio.

En canto á procedencia de visitantes ás oficinas de turismo desde o territorio español, lidera a clasificación Madrid con 501 persoas, seguido de Castela e León (345), Galicia (235), País Vasco (198), Asturias (182) e Andalucía (110).

Dos 2.332 visitantes que acudiron a estes puntos informativos, 188 fixérono desde o estranxeiro sendo Portugal o principal emisor con 105, o que constata un repunte no número de viaxeiros lusos. Tamén acudiron de Arxentina (7), Sudáfrica (2), Rusia (8), Bélxica (14), Cuba (2), Francia (18), Alemaña (8) ou Inglaterra (15). 

O 59 % dos turistas que acudiron ás oficinas solicitaron información sobre que visitar; o 9,63 %, pediron un plano; o 9,52 %, interesáronse polas viaxes a illas; o 9,30 %, preguntaron polos roteiros de sendeirismo; o 6,09 %, pola programación festiva; e o 2,21%, pola gastronomía ou adegas.

En canto á idade, a franxa entre 35 e 60 anos concentra 1.092 visitantes das oficinas, seguidos de menores de 18 anos (497), maiores de 60 (496) e entre 18 e 35 anos (247).

En canto ao aloxamento, o 47,96 % elixiron un hotel para pasar a súa estancia en Sanxenxo, un 29,10 % hospedáronse nun apartamento; un 8,88 %, en barco ou caravana; en cámping (6,25 %), en pensión (2,36 %) e non aloxados no municipio (4,90 %).

Finalmente, a oficina de turismo que recibiu máis visitantes o pasado mes de xullo foi a situada no porto deportivo con 1.175 visitantes fronte aos 1.157 de Portonovo.