O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou este mediodía as obras da pasarela de José Adrio para comprobar o resultado destes traballos que se encontran practicamente finalizados. Esta zona conta xa cun parque infantil e con bancos tras un investimento de 300.000 euros. Segundo manifestou Antón Louro, os veciños e comerciantes mostráronse moi satisfeitos co resultado desta actuación que ofrece unha particularidade ao terse pintado un código de barras sobre o pavimento coa lenda 'José Adrio Barreiro'.
"Hai unha integración de José Adrio Barreiro coa cidade e gañouse un espazo para Pontevedra. Aquí quedan moitos metros cadrados para gozar e un parque infantil que emula unha estación de ferrocarril dado que estamos enriba da vía", segundo apuntou Louro durante a visita que continuou pola rúa Branco Porto que, dende a tarde deste venres 20, se abre ao tráfico. Durante a xornada do sábado, a empresa de limpeza realizará un repaso para eliminar restos da intervención.
Louro tamén comprobou os avances no ámbito da Subdelegación do Goberno e Belas Artes e certificou o remate dos traballos nas rúas de Prudencio Landín e Mestranza. A rúa Marescot quedará lista durante este sábado 21.
As dúas fases pendentes que quedan na rúa Santa Clara e na avenida de Lugo realizaranse ao longo do próximo ano. O importe total de todas as actuacións que cobren unha superficie superior aos 25.000 metros cadrados e que conta cun orzamento que ascende a máis de 3 millóns de euros.