As obras nos colexios de Sanxenxo encaran a recta final da súa posta a punto

Sanxenxo
31 de agosto 2024

A concelleira de Educación, Nati Parada, e o edil de Medio, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron os traballos

Traballos de mantemento nos colexios de Sanxenxo
Traballos de mantemento nos colexios de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo apura as obras de posta a punto nos centros educativos do municipio que estarán concluídos antes do inicio do próximo curso escolar, o 11 de setembro. 

A concelleira de Educación, Nati Parada, e o edil de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron os traballos, algúns xa concluídos como a rampla do colexio do Cruceiro, e outros aínda en execución, como o pintado e acondicionamento de aulas no colexio de Portonovo que está previsto conclúan a próxima semana. 

Entre os traballos atópase o acondicionamento de seis aulas da planta baixa, e a ampliación da arqueta da recollida de pluviais no colexio de Portonovo; melloras en seis baños do CEIP Magaláns e a colocación dunha varanda; a reposición da cancela, a colocación dun canlón no patio de infantil e o pintado do muro perimetral no colexio de Nantes; a actualización da instalación eléctrica da aula de informática no da Florida e o cambio dunha porta.  

No Telleiro, realizarase o acondicionamento da saída de emerxencia, reposición do canlón do pavillón, así como o tapiado e acondicionamento da parede sur que filtra humidade para os baños e o cambio de teito nas casetas de xardinería, este último xa realizado. 

Na Escola Unitaria de Aios acondicionouse unha nova aula con novo chan e pintado. A estas actuacións hai que engadir a inspección dos depósitos de gasoil e das alarmas en todos os centros educativos do municipio, así como arranxos eléctricos e de fontanería

Doutra banda, persoal municipal está a limpar durante estes días todas as marquesiñas de autobús nas distintas parroquias tanto as destinadas ao transporte escolar como regular.