O inminente inicio da obra de humanización e transformación do núcleo da contorna da Rúa do Adro e da Porteliña, na parroquia de San Salvador, provocará unha serie de cambios na circulación durante o desenvolvemento das mesmas.
Dada a complexidade dos traballos, que suporán unha renovación de servizos e da estética da zona, será preciso cortar o tráfico, polo que se habilitará un dispositivo temporal, pensado especialmente para garantir o acceso e saída ao CEIP Viñas e para tratar de causar as menores molestias posibles ás persoas residentes neste ámbito.
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, anunciou este martes que a actuación dará comezo a principios da vindeira semana e que se habilitará un aparcadoiro disuasorio na Porteliña, nas proximidades da PO-308, para compensar a falta de prazas de estacionamento que haberá na Rúa do Adro unha vez sexa cortada.
O Goberno local agradeceu a colaboración da persoa propietaria deste terreo, no que este martes os operarios municipais levaron a cabo tarefas de posta a punta para poder acoller vehículos.
Con respecto ao tráfico, permitirase o acceso ao CEIP Viñas desde o cruce onde está situado o semáforo da avenida da Porteliña. Por aí tamén poderán saír á estrada autonómica os autobuses. O resto dos vehículos para abandonar a zona deberán circular polo Camiño Poio de Arriba.