As obras en Santa Clara sufrirán un atraso de dúas semanas pola aparición de restos do Camiño de Castela

Pontevedra
28 de agosto 2014

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, afirma que a aparición duns lousados de pedra obrigan a realizar unha escavación maior para inventariar eses restos, tal e como establece Patrimonio

Obras na rúa de Santa Clara
Obras na rúa de Santa Clara

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, estima que o final das obras de Santa Clara se atrase dúas semanas xa que é necesario acometer unha escavación máis profunda para comprobar a relevancia dos lousados de pedra aparecidos no tramo situado nas proximidades da Praza de José Martí. Segundo os primeiros vestixios, os arqueólogos entenden que pode tratarse duntramo do Camiño Vello de Castela.

O protocolo que establece Patrimonio da Xunta de Galicia obriga a realizar esta escavación para que estes restos se analicen e se computen como patrimonio do Concello.

Antón Louro engadiu que será necesario un investimento de ao redor de 54.000 euros e que están a tramitalo para que os técnicos poidan dar o impulso definitivo a este tramo da rúa, que estaba previsto que finalizase arredor do mes de setembro.

O concelleiro indicou que o resto de obras en execución, na Avenida de Lugo, Álvarez Limeses e en Víctor Cervera Mercadillo, estarán rematadas antes de finais de ano. E sinalou que a segunda parte das obras de reforma da rúa Blanco Porto están en fase de contratación.