As obras do mercado de Sanxenxo, centradas agora no túnel que cruzará a rúa Madrid

Sanxenxo
19 de agosto 2024

A última actuación realizada foi o formigonado do teito do paso inferior, elemento principal da primeira fase da obra, que supuxo a a colocación de 77 pantallas de contención do terreo e a escavación de case cinco metros de profundidade

Formigonado nas obras do mercado de Sanxenxo
Formigonado nas obras do mercado de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

As obras do novo mercado de Sanxenxo avanzan segundo o previsto. A última actuación realizada foi o formigonado do teito do paso inferior, elemento principal da primeira fase da obra, que supuxo a a colocación de 77 pantallas de contención do terreo e a escavación de case cinco metros de profundidade.

A actuación céntrase agora na estrutura do soto, o aparcadoiro e o túnel por onde se cruzará un tramo da Rúa Madrid.

Ao longo destes meses acometéronse tamén as canalizacións de cableado eléctrico, as comunicacións e a rede de sumidoiros.

Esta obra supón unha achega da Xunta de 1 millón de euros e do Conello de algo máis de 1,3 millóns. O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.

O Concello convocou un concurso de ideas que gañou 'Os luns ao sol', un proxecto que ofrece solución aos problemas de circulación na zona, mellorando a fluidez do tráfico e achegando seguridade viaria.

Esta intervención permite reducir tamén o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.

Os traballos continuaron durante o verán e está previsto que a primeira fase conclúa a principios do mes de outubro