A execución do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra atópanse nunha nova fase de execución, a construción da estrutura, e neste momento resulta crucial a aplicación dun innovador sistema de encofrado que, tal e como destaca a Xunta de Galicia, aumenta nun 50% a produtividade no avance das obras.
Este mecanismo posibilita lograr rendementos de 3.000 metros cadrados ao mes na execución deste proxecto.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destaca a través dun comunicado que "este sistema de encofrado innovador, en lugar do tradicional, permite un maior progreso".
O sistema que se está utilizando é o de mesas de encofrado, cuxa principal vantaxe é que o taboleiro e a estrutura inferior se montan unha soa vez e se van movendo polas plantas, xa sexa apoiados en rodas ou mediante unha carretilla elevadora.
No seu movemento horizontal vanse xerando as lousas de cada andar do edificio hospitalario e no seu desprazamento vertical elévanse ata a seguinte planta, para crear a estrutura de formigón de cada nova altura. Deste xeito, as mesas evitan gran parte dos movementos con grúas, co dobre resultado de redución dos riscos laborais e de aumento da produtividade.
A Xunta destacou este sábado que "segue avanzando a bo ritmo" nas obras, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.
No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros neste proxecto, que consiste na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.