A Axencia Galega de Infraestruturas licitou este luns a primeira fase do hospital público Gran Montecelo. A previsión que manexa a Xunta é que as obras poidan iniciarse no mes de xuño do 2021 e mobilizarán máis de 2.600 empregos.
Así o anunciaron nun acto celebrado na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Ethel Vázquez referiuse a esta obra como "un dos grandes retos" da Xunta de Galicia que afronta como o seu "desafío máis inmediato" xa que se trata do contrato "de maior envergadura dos últimos anos en Pontevedra".
Concretamente, a esta primeira fase destinaranse preto de 130 millóns de euros e contémplase un prazo de 42 meses para construír un novo edificio de dez plantas cuxos traballos de execución espérase que non alteren a actividade no hospital existente. Ademais o proxecto ten un deseño que deixa previstas futuras ampliacións que poidan xurdir.
O Gran Montecelo terá 720 camas, 120 máis que as actuais, e haberá un incremento do 92% nos postos de urxencias e do 50% nos do hospital de día.
A conselleira de Infraestruturas explicou que esta é a segunda licitación do Gran Moncetelo, a primeira tivo que ser anulada nunha decisión "difícil pero necesaria", e que agora, unha vez revisado o proxecto, incrementouse a licitación en 15 millóns de euros respecto ao inicial "para garantir a súa viabilidade".
O prazo de presentación de ofertas para construír o hospital conclúe o 11 de xaneiro e a conselleira promete "rapidez e axilidade" na resolución dos trámites.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou na súa intervención que o proxecto do Gran Montecelo é o resultado dun "proceso participativo" por parte dos profesionais, pacientes e persoas usuarias o que se reflicte no proxecto "en que priman ademais dos aspectos sanitarios os de humanización", con case un 60 % de cuartos individuales e cun tamaño de 28 metros cadrados de media.
García Comesaña destacou que "é un día moi importante" porque estas obras "colocarán a Pontevedra no grupo de cidades que teñen unha infraestrutura sanitaria de futuro".
Será o primeiro hospital que contará con unidade de diagnóstico biolóxico e potenciarase a área materna infantil, de diálise, o hospital de día, os coidados paliativos e co novo servizo de medicina nuclear haberá un "cambio importante" en oncoloxía, subliñou Comesaña. Ademais a agrupación de espazos asistenciais permitirá potenciar a unidade de endoscopias para varios servizos.
Finalmente, o vicepresidente Alfonso Rueda, agradeceu aos seus compañeiros de Goberno "que me deixasen estar hoxe aquí" compartindo así o seu "desexo" de participar neste acto "como pontevedrés" diante deste gran investimento comprometido pola Xunta "e que hoxe queda encauzado" que supoñerá un "paso de xigante" para a cidade e a súa área sanitaria.