A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este mércores os traballos en execución da primeira fase do novo hospital Gran Montecelo, "a maior obra pública que está en marcha na cidade" e que ten consignados 64 millóns de euros de "esforzo investidor" en Pontevedra nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano.
A previsión é que a obra estea rematada a finais de 2023 ou comezos do 2024.
Segundo salientou a conselleira ao rematar a visita, as obras "avanzan a pleno rendemento" tras un comezo de ano "complicado", fundamentalmente pola afección do paro do transporte e a crise no subministro dos materiais.
Acompañaron a Ethel Vázquez nesta visita o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Manuel Flores e o voceiro local do PP, Rafa Domínguez.
A día de hoxe están a traballar 180 operarios que, maioritariamente, están centrados na execución da torre de hospitalización, esa ‘Z’ que singulariza o novo edificio.
Segundo a conselleira "está executado xa o 60% da estrutura armada", con gran parte da tabicaría de ladrillo xa disposta, ao igual que as cubertas e as fachadas, onde se traballa xa na envolvente e na carpintería de aluminio.
Tamén se está a avanzar en altura, co obxectivo de acadar, antes de rematar o ano, o andar 9, o último nas zonas máis avanzadas, ademais de concluír, tamén neste ano, a estrutura do búnker de radioterapia.
Paralelamente, trabállase xa na estrutura do basamento da zona que estivo afectada pola necesidade de retranquear a tubaxe do gas, onde está concluída a fase de baleirado e as escavacións.
A titular de infraestruturas apuntou, ademais, o comezo xa do subministro e instalación dos baños modulares na zona de hospitalización pediátrica e que, progresivamente, se vai achegando xa a imaxe final do novo Hospital Montecelo.