As obras do CEIP Froebel, ao 40% e coa previsión de que en setembro o curso comece coas aulas e o patio interior rematados

Pontevedra
02 de agosto 2024

A reforma conta cun investimento de 1,14 millóns de euros, e agárdase que estea rematada ao 100% nun prazo de seis meses, para decembro, pero xa antes, para o novo curso, que estea ao 80% con todos os espazos docentes listos. Entre o inicio do curso e decembro as obras centraranse no semisoto

El CEIP Froebel, en obras
El CEIP Froebel, en obras / Cristina Saiz

As obras de reforma integral do CEIP Froebel avanzan a bo ritmo e xa se atopan ao 40% do total da actuación. Á vista da situación actual e da evolución, a Consellería de Educación traballa coa previsión de que o vindeiro 11 de setembro o curso escolar poida comezar coas aulas e o patio interior totalmente habilitados.

A información facilitárona este venres o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e Rosa Soñora, xefa da Unidade Técnica de Educación en Pontevedra, con motivo dunha visita ás obras. Estiveron acompañadas polo director do centro educativo, Pedro Mariño; a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde; o concelleiro Demetrio Gómez; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; e representantes de Educación e do PP de Pontevedra.

A reforma conta cun investimento de 1,14 millóns de euros, e agárdase que estea rematada ao 100% nun prazo de seis meses, para decembro, pero xa antes, para o novo curso, que estea ao 80% con todos os espazos docentes listos.

Entre o inicio do curso e decembro as obras centraranse no semisoto, porque hai que cambiar a caldeira actual de gasóleo e poñer unha de gas e, para iso, hai que desmontar o depósito antigo. A previsión é que ese cambio definitivo se faga durante as vacacións do Nadal "para non interromper" as clases.

O conselleiro garantiu que "non imos ter ningún tipo de problema para que se cumpran os prazos e en decembro estea entregado". 

A rehabilitación inclúe a reparación integral das cubertas, a renovación dos aseos da torre central e a mellora do illamento térmico na zona do aulario, co cambio de falsos teitos e luminarias.

Ademais, estase a renovar toda a fase a instalación eléctrica e a de protección contra incendios, así como a reposición das carpinterías do patio interior.

Segundo informou Rosa Soñora, "o principal xa se fixo", pois xa están executadas todas as demolicións da obra e estanse realizando os reforzos e a protección das estruturas da cuberta.

Nos próximos días comezarase coa colocación das tellas na cuberta do corpo principal e do panel para o patio. 

A anterior reforma deste centro data dos anos 80, pero, a pesar do tempo do edificio, Rosa Soñora sinalou que "a estrutura orixinal estaba moito mellor do que pensamos", estaban "moi ben" os faldóns principais do edificio orixinal e a cuberta,  de maneira que "axudou a que a obra vaia ir ben de prazos".  

O CEIP Froebel conta cunha comunidade educativa de máis de 225 alumnos e preto de 23 docentes e Román Rodríguez destacou as súas "características moi singulares".