As obras do boulevard de Portonovo encaran a fase final da obra. Co obxectivo de entorpecer o menos posible a actividade comercial e causar as mínimas molestias aos veciños, os traballos seguen a mesma dinámica que a primeira fase.
A actuación retomouse hai uns días pola marxe dereita en sentido ascendente, desde o mercado ata a rotonda de Canelas, mantendo o dobre sentido do tráfico e centrándose nas canalizacións de saneamento, telefonía e iluminación. A medida que se vaia executando e, como xa ocorreu na primeira fase, unha vez fresada a beirarrúa e colocadas as tubaxes, permitirase o aparcamento. Excepcionalmente e en determinados puntos da obra, non se descarta se fose necesario cortar un carril de circulación.
Nos últimos días estiveron a realizarse traballos topográficos previos ao groso da actuación que dará comezo o vindeiro luns con dous equipos de traballo. A obra está previsto que conclúa antes de Semana Santa, en torno ao 20 de marzo, aínda que xa en febreiro poderá verse a pavimentación, a nova rotonda e as beirarrúas terminadas. A fase final incluirá o axardinamento, o mobiliario e a iluminación.
A actuación supoñerá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Céntrase nun tramo de 810 metros, do que o 60% xa está executado, e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.
A obra ten un custo de 2.319.461 euros e finánciase ao 70 e 30% entre a Conselleria de Infraestruturas e o Concello de Sanxenxo. A empresa Oresa Construción e Servizos Globais e ofrece un prazo de garantía da obra de 4 anos.