A bo ritmo. Así avanzan, segundo o goberno municipal, as obras de reforma integral da rúa Virxe do Camiño. De esta forma, a empresa que executa estes traballos, Oresa, garante que estarán practicamente rematados cara final de ano.
As obras, que se estenden ás rúas José Casal e Mariscal Pardo de Cela, foron visitadas este xoves polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías. Con eles estiveron os técnicos da empresa e o arquitecto autor da reforma, José Ramón Garitaonaindía.
A empresa que reproduce o proxecto técnico tamén segue as recomendacións dos técnicos de Cogami que colaboran para que o desenvolvemento dos traballos e o resultado final teña os máis altos estándares de accesibilidade.
Os traballos comezaron pola rúa José Casal levantando a beirarrúa dereita e seguiron por Virxe do Camiño cara Eduardo Pondal, pola mesma man. Xa están soterrados todos os servizos e nos vindeiros días está previsto que comece o formigonado base desta parte, para poder comezar a abrir o outro lado da rúa.
O obxectivo é facilitar, na medida do posible, o tránsito peonil, ao igual que os accesos aos edificios e locais comerciais e a circulación dos servizos.
Virxe do Camiño é, historicamente, a entrada do Camiño Portugués na cidade, polo que ao inicio desta rúa (no entronque con Eduardo Pondal) créase un baluarte con cortén, que lle dará unidade a todo o proxecto.
Ademais, elévase para crear unha nova praza arborada con pradairos de distintas cores segundo a estación e plantas aromáticas -tamén de distintas cores- nos alcorques de cortén.
A rúa transformarase cunha plataforma única (de lastro confinado entre bordes de formigón, tiras de baldosa e cortén) e espazos multifuncionais de convivencia e promoción económica. O cortén será o elemento condutor de todo o proxecto. Ademais, todo o ámbito do Camiño estará marcado con lastros luminescente.
O proxecto inclúe a renovación dos servizos: auga, saneamento, sumidoiros, telecomunicacións e rede de gas. A mobilidade peonil terá prioridade en toda o ámbito. Pecharase a rúa Virxe do Camiño no entronque con Eduardo Pondal e só poderán saír os servizos e garaxes, a través dunha mesma entrada e saída a modo de garaxe.