O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, expuxo este xoves o inicio das expropiacións necesarias para que se acometan en 2018 as obras de mellora da seguridade viaria na PO-308 entre Covelo e Raxó, no municipio de Poio.
Menéndez contestaba a unha pregunta parlamentaria explicando que será unha actuación integral que afectará a 4 quilómetros da vía, construíndo unha senda peonil e ciclista desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó.
Ademais, están previstas outras dúas actuacións nesta estrada, unha entre Fontenla e Combarro e outra entre Combarro, Chancelas e Samieira. Ademais, Menéndez, indicou que a Xunta vai mellorar esta estrada ao seu paso polo Concello de Sanxenxo. Construirase un itinerario peonil e ciclista entre Portonovo e A Lanzada cun investimento de 6,5 millóns de euros. Este proxecto está a executarse en tres fases co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.
Tamén destacou que a Xunta mantén unha liña de colaboración coas autoridades en materia de tráfico e coa Federación Galega de Ciclismo. O obxectivo é atender as necesidade dos usuarios de bicicleta.
Neste sentido, o goberno autonómico asinou dous convenios para fomentar a seguridade viaria dos ciclistas, con especial incidencia na mellora da súa visibilidade coa repartición de 1.300 chalecos reflectores. Tamén se sinalizarán dúas novas rutas frecuentadas por ciclistas en cada provincia galega. Nelas haberá unha presenza máis intensa da Garda Civil para evitar que os condutores realicen accións que poñan en risco aos usuarios de bicicleta.