As obras de Santa Clara continuarán na rúa evitando, polo de agora, o convento

Pontevedra
23 de xaneiro 2014

Antón Louro,explicou que a actuación relativa ao convento "xa o deixaríamos para despois", pois "agora o que é urxente é a rúa" e poñer fin ás dificultades de circulación que ten, ás beirarrúas "moi deterioradas" e ao "problema de filtracións de augas fecais e pluviais"

Obras na rúa Santa Clara
Obras na rúa Santa Clara / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra ten intención de seguir adiante coas obras de reforma da rúa Santa Clara malia o informe da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra da Xunta que informa desfavorablemente á rehabilitación integral da zona. Para evitar este "non", modificarase o proxecto de tal forma que se segregue a actuación sobre a rúa en si e a obra que afecta ao convento, que é a que ten un informe contrario.

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Antón Louro, explicou que a actuación relativa ao convento "xa o deixaríamos para despois", pois "agora o que é urxente é a rúa" e poñer fin ás dificultades de circulación que ten, ás beirarrúas "moi deterioradas" e ao "problema de filtracións de augas fecais e pluviais".

"Hai que actuar sobre a rúa, a medida urxente deriva das condicións sanitarias. Iso é prioritario", sinalou e pasou a explicar que o Concello incluíu na mellora da rúa Santa Clara unha actuación no adro do convento "para poñer en valor o patrimonio", integrou dous proxectos nun "para actuar aí dun xeito positivo", pero que, vistas as dúbidas de Patrimonio, actuarán só na rúa en si e deixarán a outra parte do proxecto para máis adiante.

"Dado que agora Patrimonio pon algunhas condicións, imos a segregalos, seguimos adiante coa rúa e imos falar con Patrimonio para poder levar a diante ese proxecto (o relativo ao convento), ben nós, ben conxuntamente ou ben a Igrexa", indicou. Avanzou que confían en que esa proposta de modificado do proxecto poida enviarse á Xunta o próximo martes.

Louro descoñece os detalles do informe de Patrimonio, á marxe das valoracións que lle trasmitieron algunhas persoas que estiveron presentes na Comisión na que se acordou informar desfavorablemente, pero decidiu xa facer ese segregado do proxecto tras reunirse cos técnicos e "para non perder tempo".

A súa intención é manter os prazos da obra máis puramente urbanísitica, "deixar ao marxe da actuación de interese do Concello a actuación non adro do convento e, a partir de aí, continuar co plan de actuacións como estaba previsto".