O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que "imos tentar iniciar as obras en xullo de 2024 para abrir os xardíns á cidade" para que a cidadanía poida gozar canto antes deste espazo do convento de Santa Clara.
Esa é "a prioridade número uno" remarcou o presidente da Deputación "se catrocentos anos despois conseguimos abrir os xardíns será un paso histórico para a cidade".
"Imos no bo camiño para que isto suceda", remarcou Luis López tras explicar que hai "conversacións moi avanzadas" que se mantiveron en Pontevedra nos últimos días entre o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez e Fuensanta Nieto, socia do estudo de arquitectura Nieto Sobejano "para modificar aquelas partes do proxecto gañador do concurso e acelerar toda a planificación" do proceso de redacción e entrega, cos cambios propostos.
"Aquí o que se demostra é que o goberno provincial e en particular Rafa Domínguez está a traballar con discreción e sen pausa para abrir Santa Clara e convertelo na xoia que merece Pontevedra e a provincia", manifestou o presidente da Deputación.
Durante as conversacións acordouse que o proxecto de xardinería e accesibilidade deberá estar dispoñible para xullo de 2024, segundo o compromiso recolleito no convenio, e será executado polo propio estudo de arquitectura.
Aínda que as obras empezarán polos xardíns o estudo Nieto Sobejano tratará de entregar tamén en xullo o proxecto de rehabilitación do resto do cenobio das clarisas que respecta en gran parte o contemplado no anteproxecto que gañou o concurso de ideas.
"Hai partes que se van a proceder a enfocar doutra maneira pero non haberá modificacións que puidésemos cualificar de substanciais", apuntou Luis López xa que permanecen as liñas estratéxicas que foron determinantes para adxudicarse o concurso no pasado mandato.
"Substancialmente non cambia moito" reiterou o presidente sobre este proxecto, cuxa modificación máis importante é que se descarta construír o gran almacén soterrado nos xardíns que estaba destinado a ser un centro de xestión integral da colección arqueolóxica.
Luis López sinalou que, aínda que o proxecto elimine esa área de 2.500 metros cadrados para depósitos e outros 600 metros destinados a un laboratorio de arqueoloxía no subsolo do xardín, o custo de toda a rehabilitación seguirá superando os 21 millóns de euros que estimara inicialmente o anterior goberno provincial. Unha previsión que Luis López cualifica de "raquítica" xa que considera que "Santa Clara vai necesitar de maior investimento".
En buscar socios para o cofinanciamento de "un proxecto deste calado" tamén está ocupado Rafa Domínguez "está a facer un traballo extraordinario" no que "se trata de implicar ao maior número de administracións posibles".