As obras de Santa Clara atrasaranse "varios meses" e estarán rematadas "en agosto ou setembro"

Pontevedra
14 de marzo 2014

Un arqueólogo está a realizar un seguimento de todas as actuacións. As primeiras análises permitiron constatar que non hai vestixios arqueolóxicos nin no medio da rúa nin na zona máis próxima ao convento, de modo que confían en que non se produza ningún atraso máis motivado pola aparición de restos a estudar e protexer

O Concello de Pontevedra planificara as obras de reforma integral da rúa Santa Clara para executalas en tres fases e telas completamente finalizadas de cara a marzo ou abril deste ano 2014. As pedras que se foron encontrado polo camiño provocaron que "vanse atrasar" os prazos de execución ata "varios meses" sobre o previsto. Finalmente, o concelleiro Urbanismo, Antón Louro, prevé que estarán finalizadas nos meses de "agosto ou setembro" próximos.

O edil fixo públicas estas novas previsións este venres durante unha visita de seguimento e control das obras na rúa Santa Clara. Acompañárono responsables da obra e veciños da zona e, tras falar con todos, constatou que "a empresa ten a vontade de gañar tempo" e dende que esta mesma semana se puideron retomar os traballos están a materializarse todas as actuacións "a un ritmo importante".

As obras que se están a realizar nestes momentos correspóndense coa segunda fase da actuación e víronse atrasadas, nun primeiro momento, por un informe do Servizo Provincial de Patrimonio Cultural de la Xunta de Galicia que paralizou as obras porque parte das mesmas afectadaban ao adro da igrexa do convento de Santa Clara.

Nese sentido, o Concello conseguiu poder retomar a actuación presentando un proxecto no que se separa o traballo na propia rúa e o que afecta ao adro conventual, pero logo chegou un segundo atraso motivado polo "mal tempo". Entre tanto, saltou á luz a investigación xudicial da operación Patos, que investiga diversas obras da empresa Eiriña por toda Galicia, entre elas esta en Pontevedra e a da avenida de Lugo. Non obstante, Louro confía en que esta situación non altere o normal desenvolvemento das obras.

Superados os escollos, e comezados de novo os traballos, un arqueólogo está a realizar un seguemento de todas as actuacións. As primeiras análises realizadas permitiron constatar que non hai vestixios arqueolóxicos nin no medio da rúa nin na zona máis próxima ao convento, de modo que confían en que non se produza ningún atraso máis motivado pola aparición de restos a estudar e protexer. Recoñecen que é unha zona "sensible" aos arqueólogos e que o é máis na parte da rúa máis próxima ao centro histórico e a rúa Cobián Roffignac, na que se traballará na terceira fase das obras.

Por outro lado, Louro indicou que os técnicos do Concello "están traballando" cos de Patrimonio para chegar a un acordo que permita tamén acometer as obras que afectan ao adro do convento. Nesas conversacións están presentes representantes da terceira parte implicada, a Igrexa, propietaria do inmoble. Buscan "unha solución" e xa están a traballar sobre unha proposta que atende ás formulacións de Patrimonio.