As obras de saneamento de Campañó comezarán en dúas semanas

Pontevedra
30 de abril 2019

Ata 2.3 millóns de euros ascende o investimento que a empresa Viaqua asumirá para iniciar as obras de saneamento en Campañó. Nesta primeira fase, segundo informou o Concello, darase servizo a unhas 160 vivendas

Obras de saneamento en Verducido
Obras de saneamento en Verducido / Concello de Pontevedra

Ata 2.3 millóns de euros ascende o investimento que a empresa Viaqua asumirá para iniciar as obras de saneamento en Campañó. Nesta primeira fase, segundo informou o Concello, darase servizo a unhas 160 vivendas.

Os traballos comezarán en apenas dúas semanas, na segunda quincena de maio, e abarcarán os núcleos de Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Pedreira, Moldes e O Freixo

O proxecto definitivo inclúe as suxestións que sobre o trazado realizaron os veciños nunha asemblea celebrada no seu día. Nela, acordaron que solicitarían os permisos para atravesar leiras privadas ou camiños de servidume, cambios que agora se incorporaron.

O saneamento de Campañó completarase cunha segunda fase que, cun investimento de 1,8 millóns de euros, permitirá dotar deste servizo á zona de Campañó de Abaixo, en concreto a 108 vivendas de Galiana, Corredoira, Soutonovo, Avieiros, Sabarís, A Cañota, Ferreiros e unha parte de Moldes.

Neste caso, instalaranse 6.250 metros lineais de tubaxes e 180 pozos de rexistro.

Con estes dous proxectos, máis a reforma de Echegaray, Viaqua realizou xa 6 millóns en obras, todas elas recollidas no novo contrato. 

Os próximos en aprobarse serán, segundo adiantou Raimundo González, os de San Andrés de Xeve e a rede de auga de Mourente, que permitirá que o depósito de Castrosenín dote de abastecemento ao Gran Montecelo e á parroquia de Mourente.